Sin categoría

Gisela Pulido, Premio Nacional de Vela Terras Gauda ao mellor proxecto olímpico feminino

A dez veces campioa do mundo de kitesurf e membro do equipo olímpico español, Gisela Pulido, será distinguida na gala dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda como mellor proxecto olímpico feminino da tempada. O seu traballo, o seu esforzo e a súa dedicación levárona a converterse en líder mundial sendo só unha nena. En 2004, con apenas dez anos, Pulido facíase co seu primeiro título de campioa do mundo de kitesurf na modalidade de Freestyle e convertíase, ademais, na deportista máis nova da historia en lograr ese fito. O dese ano foi o primeiro dos dez títulos intercontinentais que lograría acumular Pulido na súa carreira ata que en 2020, despois de que se incluíse a modalidade de Formula Kite como clase olímpica, tomaba a decisión de dar o salto para pelexar por un novo e gran reto: estar nos Xogos Olímpicos de París 2024.

O cambio de modalidade era grande pero a catalá afincada en Tarifa, con todo, non tardou en adaptarse e en 2022 logrou o seu primeiro gran podio co bronce no Campionato de Europa celebrado en Lepanto (Grecia) e finalizou no top ten intercontinental no Mundial que se disputou ese mesmo ano en augas de Cagliari (Sardeña). Co Premio Nacional de Vela ao mellor proxecto olímpico feminino, Pulido suma agora un novo recoñecemento no seu currículo deportivo. O galardón entregarase na gala que organiza o Monte Real o próximo 2 de setembro co patrocinio de Terras Gauda durante a celebración dunha nova edición do Trofeo Príncipe de Asturias, e aínda que os seus compromisos deportivos non lle permitirán estar presente será a súa compañeira no equipo olímpico español, a galega Támara Echegoyen, quen recolla o premio no seu nome.

“Estou súper agradecida ao Monte Real e aos Premios Nacionais de Vela por este recoñecemento, que no mundo da vela é sen dúbida o máis emblemático”, afirma Pulido e engade: “Ao final que recoñezan o teu traballo e esforzo sempre che motiva moitísimo e axúdache a seguir adestrando a tope, polo que estou moi contenta de recibir este premio. Encantaríame estar en Baiona para recollelo, pero agora tócame estar centrada nos adestramentos de fronte ao próximo Europeo no que tratarei de conseguir a praza de país para os Xogos Olímpicos”.