Gondomar instalará 25 colectores para reciclar pilas e acumuladores

O Concello de Gondomar dá un paso máis en materia de protección do medio ambiente adheríndose ao convenio Marco con Ofipilas, Oficina de Coordinación das actividades de xestión dos residuos de pilas e contedores portátiles, garantindo así unha correcta xestión deste tipo de residuos altamente contaminantes.

Distribuiranse por toda a localidade un total de 25 colectores, dunha capacidade de 10 litros cada un, situándoos nos edificios municipais así como en diferentes puntos accesibles aos veciños cuxa localización se publicitará no seu momento para que todo o mundo saiba onde dirixirse para desfacerse das pilas ou acumuladores.

“O noso obxectivo é converter Gondomar nun referente de sustentabilidade e de defensa do medio ambiente e nese sentido poñeremos ao dispor da cidadanía todas as ferramentas que estean ao noso alcance para facilitar a reciclaxe de residuos contaminantes”, manifestou o alcalde Paco Ferreira durante o acto de presentación desta nova iniciativa, na que estivo acompañado polo concelleiro de Medio Ambiente, Brais Misa, e Marcos Vaqueiro, xerente de Ecogondomar.

O responsable de Medio Ambiente, Brais Misa, subliñou a importancia de reciclar este tipo de residuos porque lembrou que o seu nivel de contaminación é moi alto. Un 30% de cada pila está composta por mercurio, níquel, ou chumbo “produtos altamente tóxicos para o noso medioambiente e que pode contaminar entre os 1000 e os 3000 litros de auga”.

Desde o Concello de Gondomar convídase aos veciños a usar estes novos contedores que estarán claramente sinalizados e que permitirán garantir a correcta retirada e posterior xestión de pilas e acumuladores reducindo desta forma a contaminación no municipio.