Nigrán destina 120.000 € do superávit a emerxencia social e material de protección ante o Covid-19

O Concello de Nigrán, a través da aprobación de Alcaldía, vén de destinar 100.000 € do seu superávit a gastos de emerxencia social e outros 20.000 € para a adquisición de material de protección ante o Covid-19, tal e como posibilita o plan de medidas urxentes complementarias no eido social e económico decretado polo goberno central en marzo en canto ao uso dos remanentes. Estes cartos súmanse ao orzamento aprobado en maio polo Concello no que o gasto social xa se disparaba aumentando un 250% a partida de axuda a domicilio con 580.000 € ou un 50% máis ata os 35.000 € en emerxencia social.

“En maio aprobamos o orzamento máis social da historia de Nigrán porque multiplicaba todas as partidas vinculadas e agora damos un paso máis engadindo 120.000 € do superávit para axudas como a compra de alimentos ou a necesidade de mercar más máscaras ou material de prevención. Con estas achegas garantimos cubrir as necesidades das persoas que o precisan de aquí a fin de ano”, resume o alcalde, Juan González

Así, esta partida orzamentaria de emerxencia social é a que se emprega para cubrir as necesidades básicas para a supervivencia persoal e do benestar familiar co fin de evitar calquera situación de marxinación (desde melloras urxentes e imprescindibles na vivenda a pago de aluguer, electricidade, gas ou alimentos).

Reparto adicional

Precisamente, e como vén facendo quincenalmente ou semanalmente (dependendo de si hai produtos perecedoiros), o Concello de Nigrán realizou entre o mércores e o xoves un novo reparto de alimentos mercados no pequeno comercio local ou procedentes de tres compras anónimas por valor de 500 € para paliar os efectos socioeconómicos do Covid-19 en 76 familias do municipio. A achega desta ocasión constou de leite, cacao, pasta, arroz e aceite adquiridos nunha pequena tenda de alimentación por 800€, 600 ovos doados por El Rancho, e leite e queixo entregado polo CEE de Panxón. Ao atoparnos na Fase 2, que permite a mobilidade, o reparto realizouse nas propias instalacións municipais mediante cita previa e no caso de 19 familias sen medios para desprazarse si se achegou o lote correspondente ao domicilio (durante a fase 0 e os meses anteriores a esta o propio equipo municipal de axuda ante o Covid-19 acudía semanalmente ao 100% dos fogares).

“Este notable incremento de persoas vulnerables obrigou a revolucionar e darlle un xiro ao Banco de Alimentos Municipal ofrecendo compras completas e non só produtos non perecedoiros. Multiplicamos as compras e, afortunadamente, multiplicouse tamén a solidariedade ante a situación de necesidade de moitas familias que quedaron sen emprego ou sen poder continuar o seu negocio. Este cambio no Banco de Alimentos vén para quedarse, entendemos que melloramos moito o servizo e non haberá marcha atrás”, explica Juan González, alcalde de Nigrán.

Anuncios