As Plataformas SOS Groba e Serra do Galiñeiro piden máis conciencia ecolóxica no Día do Medio Ambiente

As Plataformas SOS Groba e Serra do Galiñeiro, que son a suma de diversas entidades e colectivos medio ambientais, ecoloxistas, veciñais, deportivos e comunidades de montes, ante a celebración este venres 5 de xuño do Día Mundial do Medio Ambiente, queren aproveitar para reivindicar ante toda a cidadanía e a clase política en xeral, a necesidade dunha maior concienciación sobre a nosa terra, os nosos montes e serras, que despois de milleiros de anos de uso e abuso, vénse nesta primeira parte do século XXI ameazados por intereses especulativos e a ameaza real da súa transformación radical pola implantación de varios proxectos de parques eólicos e de minería invasiva.

“Somos ecoloxistas, somos veciños concienciados sobre a necesidade de que se mude o modelo que nos trouxo ata hoxe cunha terra, un planeta, que xa non soporta máis a explotación dos recursos sen ter en conta os valores medio ambientais e patrimoniais, que con subterfuxios legais son, teoricamente protexidos e na realidade, estragados e destruídos”, sinalan.

“Non somos os propietarios da terra (nin séndoo), somos usufructuarios dun monte que ten donos, múltiples, como os seus usos e aproveitamentos. Somos unha xeración que ve como a terra que lle imos deixar ás xeracións futuras se empobrece e se contamina, como cada día se extinguen especies que os nosos fillos e netos só poderán ver en fotografías; como os nosos ríos e regueiras perden a pureza e a diversidade, como a paisaxe se deturpa, se destrúe e se contamina en aras duns beneficios que non teñen en conta o futuro nin o propio presente, que xa nos está a avisar de que debemos mudar o noso xeito de relacionarnos co medio ambiente”. lamentan.

“Ante os proxectos que a Xunta de Galicia ten para as nosas serras do Galiñeiro e da Groba –continúan-, nós dicimos alto e claro que NON, que NON queremos máis proxectos especulativos co noso medio ambiente; que queremos mudar de modelo e que queremos que se respecte a terra que nos foi legada polos nosos antepasados, para tentar deixarlle un mundo mellor e máis limpo aos que veñan trás de nós”.

Por todo isto mandan a todos os partidos políticos dos concellos afectados polos proxectos dos parques eólicos previstos, concellos de Vigo, Gondomar, Mos, O Porriño, Tomiño, Oia, O Rosal, Baiona e Nigrán (afectado indirectamente) unha carta que esperan contesten publicamente antes de que se inicie a próxima campaña electoral.

No Día do Medio Ambiente, piden máis conciencia ecolóxica e protección real dos valores naturais e patrimoniais das nosas serras.

Anuncios