Podemos Baiona posiciónase en contra dos parques eólicos na Groba e O Galiñeiro

FOTO: IEM // Serra do Galiñeiro.

O día 27 de maio, as Plataformas da Serra da Groba e do Galiñeiro denunciaron que a Xunta de Galicia está a tramitar varios parques eólicos nestas dúas serras, pedindo ademais que os partidos políticos, os concellos e as Comunidades de Montes afectadas se posicionen publicamente xa, antes da campaña electoral e das eleccións. Desde Podemos Baiona queren trasladar as súas conclusións:

1. Condenamos que neste momento, cando a sociedade civil mostra unha grande capacidade de resistencia e solidariedade, a Xunta de Galicia aproveite para sacar adiante diferentes proxectos como os parques eólicos das serras da Groba e do Galiñeiro, nun momento no que o tecido asociativo e a sociedade civil e os cidadáns teñen a mobilidade reducida imposibilitando a capacidade de presentar alegacións ante estes proxectos.

2. Un parque eólico podería ser unha ferramenta para revitalizar a vida e o emprego no rural, sempre e cando os beneficios económico-sociais repercutan na comarca. O cal é bastante dubidoso se nos fixamos noutros proxectos similares que se levaron a cabo noutras localidades e comarcas galegas, nas que non se aprecia un aumento significativo do PIB. Un proxecto desta magnitude non repercute na economía da poboación dos concellos nos que se implanta, senón que as empobrece e contribúe ao abandono do rural.

3. Non podemos apoiar un proxecto destas características xa que é moi agresivo para a nosa terra e resulta incompatible coa actividade agro gandeira, turística e forestal da zona.

“Desde Podemos Baiona apoiamos a transición enerxética cara a un modelo máis sostible, pero non a calquera prezo. O custo medio ambiental non aporta valor engadido á comarca, non baixa o prezo da luz e non hai unha creación significativa de postos de traballo, xa que nestes proxectos, xestionados por empresas privadas, os beneficios terminan saíndo do país”, conclúen.

En conclusión, a transición enerxética é necesaria e urxente, sendo a enerxía eólica parte moi importante nesa transición, pero está, debe facerse contando coa xente, beneficiando a vida local e non prexudicando ás persoas só en beneficio duns poucos.

Anuncios