O Gondomar CF pecha o cadro de persoal coa incorporación do dianteiro local Mario Fernández

O dianteiro de 23 anos Mario Fernández Pérez, natural de Mañufe (Gondomar), convértese na décimo sexta fichaxe do equipo de Víctor Santos. Formado nas categorías inferiores do fútbol base e do Val Miñor, a súa etapa sénior xogouna no Gondomar CF. O ano pasado unha etapa de Erasmus o mantivo fóra da casa, e de novo volve para axudar ao seu Club.

Agora, co obxectivo de volver a primeira, destacou que “creo que é un bo momento para apostar polo Club este ano, porque este equipo non pode estar en segunda rexional e debemos afrontar este reto con seriedade e con ambición para que só sexa un ano o que nos toca xogar nunha categoría que non merece o Gondomar. Despois de estar un ano parado creo que o Club me vai a achegar a confianza necesaria para recuperar o ritmo e volver ás boas sensacións de anos anteriores. O club coñézoo bastante ben xa que será a miña segunda etapa con esta camiseta e penso que as cousas se seguen afrontando coa mesma seriedade que en anos anteriores, así que non creo que existan moitas cousas que nos poidan chamar a atención aos que somos da casa. Aínda que é certo, que tanto o corpo técnico como algúns xogadores son caras novas para min, pero iso é normal hoxe en día no fútbol. A afección sempre vai estar co Gondomar, sexa en segunda rexional ou sexa en terceira división, e estou seguro de que o ano que vén será en primeira rexional, así que vai ser un bo ano para eles e para todos nós no cal imos gozar de boas tardes. Pola miña banda espero poder devolver a confianza con goles e axudar ao equipo a que este camiño sexa un pouquiño máis fácil”.

Anuncios