Manifesto Miñor leva a pleno a ameaza dos parques eólicos na Groba e no Galiñeiro

Panorámica da Serra do Galiñeiro.

Atendendo ao chamado das Plataformas da Serra do Galiñeiro e da Serra da Groba, “e por seren loitas que forman parte do ADN de Manifesto Miñor, e por dignidade democrática”, Antonio Araújo vén de presentar unha moción ao pleno da Corporación Municipal de Gondomar, que posiblemente se celebre o xoves da semana que vén, sobre a posible instalación de Parques Eólicos nestas dúas serras. “O Goberno da Xunta debe saber que con confinamento ou sen el no Val Miñor non tragamos”.

Segundo a Orde da Consellaría de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia de 5 de maio de 2020, na devandita Orde inclúense a tramitación de diferentes proxectos ao longo do País, a cal máis agresivo co Medio Ambiente, e mesmo directamente contra a saúde das persoas: vertedoiros, plantas de xestión de residuos, subestacións eléctricas, liñas de alta tensión, factorías que emiten gases de efecto invernadoiro e, Parques Eólicos, entres os que están os das Serras da Groba e do Galiñeiro.

Para Araújo, trátase de proxectos altamente nocivos que xeran un grande rexeitamento social, como se ten visto con respecto a algúns deles ao longo dos últimos anos polo seu forte impacto ambiental, pero tamén social e económico.

“Resulta unha burla á cidadanía, inconcebible nun sistema democrático minimamente normalizado, que a tramitación deste tipo de proxectos se realice xusto nun momento de confinamento social derivado por un Estado de Alarma, limitando a resposta cidadá e facilitándolle os trámites ás empresas privadas. Resulta cando menos irregular, e por suposto inadmisible, que este tipo de tramitacións se poidan producir sen as garantías previstas na Lei”, critica Araújo.

Dende o Grupo Municipal de Manifesto Miñor-En Marea afirman que son partidarios das enerxías renovables e a eólica probablemente sexa unha das máis alcanzables, “pero así non”. “É necesario outro modelo onde as comunidades veciñais, ou a propia sociedade a través dos órganos que nos representan, participen destes proxectos, obtendo beneficios aqueles lugares onde se implanten, e por suposto respectando o patrimonio natural, paisaxístico, cultural, a auga… Un modelo non especulativo onde os beneficios dos accionistas das grandes empresas non sexa o único obxectivo”.

A moción propón ao Pleno da Corporación Municipal rexeitar a proposta de Parques Eólicos nas Serras da Groba e do Galiñeiro que fai a Xunta de Galicia a través da devandita Orde da Consellaría de Economía, Emprego e Industria de 5 de maio de 2020, “polos motivos expostos e outros que sen dúbida existirán con maior fundamento”. Así mesmo, comunicarlle este acordo á citada Consellaría e aos colectivos ambientais e culturais da comarca, “que levan anos loitando contra esta aberración e volveron dar a voz de alarma”.