Unha empresa de Nigrán deseña cabinas esterilizadoras para que os comercios desinfecten a roupa

GTG Ingenieros, empresa radicada no polígono de Porto do Molle en Nigrán especializada en Seguridade Industrial con máis de 20 anos de experiencia no sector, deseñou unhas innovadoras cabinas con luz ultravioleta que poden esterilizar pezas de roupa en moi pouco tempo, menos dun minuto. Un sistema pensado para os establecementos de roupa e complementos e que permitirá desinfectar pezas e accesorios practicamente no momento de querer probarllo, para tranquilidade e seguridade do cliente.

Estas cabinas pódense fabricar a medida segundo as necesidades das instalacións. Trátase dun proceso libre de substancias químicas, non é corrosivo nin dana a roupa. A cabina conta con sistemas de seguridade adecuados para evitar a presenza de persoas no interior durante o ciclo de funcionamento. Tamén dispón dunha pantalla táctil de configuración no que se pode elixir o tipo de peza e emite avisos acústicos e luminosos tras finalizar os ciclos.

En palabras de Pedro García-Trejo González, conselleiro delegado da empresa, “as pezas se desinfectan practicamente no momento permitindo ao establecemento que a roupa siga ao dispor dos clientes sen necesidade de ter que gardar corentena”. “Estas cabinas pódense deseñar a medida axustándose ás dimensións e estética das tendas”, apunta Pedro García-Trejo.

UV BOX

GTG Ingenieros tamén deseñou o “UV Box”, un caixón esterilizador que permite tamén mediante luz ultravioleta desinfectar artigos pequenos tales como accesorios e complementos (bixutería, xoias, lentes…). O tamaño estimado do “UV Box” é o dun “microondas” e conta cun estante para facilitar a esterilización a dúas caras e o interior está forrado de material reflector para garantir a desinfección 360º e evitar zonas cegas. Conta cunha pantalla táctil de fácil configuración e do mesmo xeito que a cabina, dispón de avisos acústicos e luminosos ao finalizar os ciclos de esterilización. Estes caixóns pódense deseñar tamén a medida para formatos especiais, como en inoxidable para o uso en restauración ou clínicas.

GTG Ingenieros leva semanas realizando probas e testando os equipos para garantir o tempo de exposición mínimo para conseguir a desinfección cos niveis de radiación requiridos. Estas probas foron realizadas en base á documentación da IUVA americana (Asociación Internacional de Ultravioleta) que se basea en datos do CDC americano (Centro de Control e Prevención de Enfermidades).

A tecnoloxía UV-C demostrou estar preparada para eliminar virus e microorganismos de maneira eficiente por iso GTG Ingenieros deseñou estes equipos e xa está a traballar no desenvolvemento doutros para diversas aplicacións industriais, comercios, restauración, uso doméstico, hoteis, etc.

GTG Ingenieros

GTG Ingenieros é unha enxeñería especializada no desenvolvemento de proxectos de seguridade industrial con máis de 20 anos de experiencia no sector que realiza todas as fases necesarias para garantir a seguridade dunha empresa. Desde os seus máis de 3.000 metros cadrados de instalacións de última xeración no Parque Empresarial de Porto do Molle traballan para 16 países de todo o mundo e nos últimos cinco anos contou cunha carteira de máis de 350 clientes activos. Cun investimento sostido en I+D+i nos últimos 15 anos, GTG Ingenieros deseña e fabrica equipos de seguridade a medida (sistemas antiatropelos para carretillas, sistemas home morto para traballadores en solitario, sistemas antiarroiamentos para pontes guindastre, etc,) o que a sitúa como a enxeñería de seguridade de referencia en todo o ámbito nacional.

🎥 VIDEO: Unha empresa de Nigrán deseña cabinas esterilizadoras para que os comercios desinfecten a roupa.

Publicado por Valmiñor TV en Miércoles, 27 de mayo de 2020