O Tribunal Administrativo do Deporte devolve ao Baíña a súa primeira vitoria en Terceira Nacional

O 9 de novembro do 2019 foi un día histórico para o Baíña Fútbol Sala, lograba o seu primeiro triunfo na Terceira Nacional. Despois dun merecido ascenso e dun duro traballo desde agosto o equipo lograba vencer ao Carballiño por 4-3. A sorpresa chegaría días despois, cando o xuíz único decidiu a repetición do partido por un erro arbitral no minuto 23:08. Esta resolución caeu como unha laxa entre os xogadores, que na pista suaran aquela vitoria e chegaran a remontar o partido despois daquel famoso erro.

O club viuse obrigado a repetir parte do partido un día de semana ante a indignación de todo o club e da afección, que nunca entendeu tal decisión. Pero o club non se rendeu, e despois de moitas reclamacións, chegouse ao TAD (Tribunal Administrativo do Deporte), o cal fallou onte mesmo ao seu favor e comunicoulles que o partido tivo validez, devolvendo ao club baionés aquela vitoria que os xogadores gañaran na pista, “que é onde se gañan os partidos”, reivindican.

“Desde o club queremos dar as grazas en primeiro lugar aos xogadores polo seu traballo e as súas ganas de sobrepoñerse á inxustiza, ao corpo técnico, especialmente a David Pérez polo seu gran labor para que aquela derrota non afundise ao equipo e a base de adestramentos sacou ao equipo da zona baixa da clasificación, e con estes tres puntos que agora nos devolven o equipo acaba a liga no 10º posto. Grazas a toda a afección que nos acompañou naquel partido e todo o ano, eles son os que máis se merecen estes 3 puntos. Grazas tamén a todos os clubs, adestradores, xogadores que nos deron o seu apoio desde o primeiro momento”, sinalan.

Desde o club cren que esta é unha gran noticia para o fútbol sala, “o que se gaña na pista legalmente que non cho quiten nos despachos”, sentencian.

Anuncios