Retómase a atención presencial na OMIX do Concello de Baiona

A Concellería de Xuventude do Concello de Baiona, dirixida por Yasmina Moreira, informa que a Oficina de Información Xuvenil retoma a atención presencial, con cita previa, a partir do martes 26 de maio. A Concellería de Xuventude centra o seu labor na fracción de poboación con idades comprendidas entre os 12 e os 35 anos.

Trátase dun espazo que presta información e asesoramento nos temas que son de interese para a mocidade, como son; vivenda, ofertas de emprego, emprego público, formación, bolsas de estudos, voluntariado, programas europeos, viaxes, albergues, concursos, cursos de tempo libre, a organización de actividades de educación non formal, información sobre os carnés para a xuventude, así como a expedición do carné xove ata os 30 anos.

As persoas interesadas en contactar con esta oficina, ademais do xeito presencial, poden realizar as súas consultas a través do teléfono 986385921, do correo electrónico xuventude@baiona.org, e do perfil de facebook Omix Baiona. As persoas interesadas en acudir presencialmente á OMIX, deben solicitar a súa cita no teléfono 986385921.