Baiona inaugura este venres a programación do BaiOutono

Este venres 25 de setembro terá lugar o concerto da Bakin Blues Band na Praza do Concello de Baiona, ás 20:00 horas dentro do programa cultural BaiOutono. A vila mariñeira encherase por un día de sons de blues de Chicago, rumba, soul e boogie boogie.

O sábado 26 de setembro, coa súa obra mestra “Top Manta”, Fulano, Mengano e Citano actuarán tamén dentro da programación BaiOutono. Unha proposta de humor “sátira” que encherá de risas a Praza do Concello de Baiona ás 20:00 horas.

Para terminar a fin de semana, no Auditorio V Centenario, o domingo 27 ás 18:00 horas proxectarase “Mary Poppins Returns” para deleite de toda a familia.

“Esperámosvos a todos para estrear a Praza do Concello coa súa carpa, que nos protexerá das inclemencias do tempo á vez que estaremos ventilados e separados con distancia de seguridade”, afirma Miriam Costas, concelleira de Cultura.

Igual que no Baiverán no BaiOutono priorizaranse as medidas COVID con aforo limitado e todas as medidas protocolarias.