Vithas Fátima desenvolve un programa de neurorrehabilitación para persoas que superaron o Covid-19

Diversos estudos sosteñen que, entre un 50 e un 70 por cento do total de pacientes que pasan longas estancias en UCI, sofren diversas alteracións físicas, cognitivas e psicolóxicas, o que levou a Vithas NeuroRHB, o servizo de neurorrehabilitación do Hospital Vithas Vigo, a poñer en marcha un programa específico de recuperación da Síndrome Post-UCI, do que se están beneficiando varios pacientes que superaron xa o covid-19.

Esta Síndrome Post-UCI prodúcese tras longas estancias en UCI, debido, entre outros motivos, á inmobilización prolongada, o uso intensivo de ventilación mecánica ou as altas doses de corticoides sistémicos.

Segundo a doutora Carolina Colomer, directora clínica deste servizo de neurorrehabilitación de Vithas Vigo, “a pandemia polo coronavirus que estamos a vivir obriga en moitos casos a longas estancias en UCI e, grazas ao extraordinario labor dos equipos de persoal sanitario, unha gran parte das persoas ingresadas logran sobrevivir á infección pola covid-19. Con todo, en moitos casos, o problema chega tras o alta xa que é probable que conten cunha serie de secuelas que se coñecen como síndrome post-UCI”.

Tal como explica a especialista, “a síndrome post-UCI defínese como un espectro de signos e síntomas que inclúen alteracións físicas, dominadas por unha debilidade muscular marcada; alteracións cognitivas, principalmente das funcións executivas; alteracións psicolóxicas como ansiedade, depresión, cadros similares á síndrome de tensión post-traumática e outros signos e síntomas que se describiron asociados, entre os que destacan fatiga, inmobilidade, respiración entrecortada, fraxilidade do cabelo, neuropatías periféricas ou insomnio”.

“En concreto, o noso programa específico de tratamento para persoas con síndrome post-UCI por mor da covid-19 unifica todos os nosos recursos, o equipo profesional e diferentes ferramentas de traballo, para alcanzar os obxectivos marcados polo equipo médico, no menor tempo posible, -subliña a doutora Colomer-; normalmente estes pacientes contan con secuelas musculares e neurolóxicas polo que a intervención que estamos a realizar céntrase, en primeiro lugar nunha valoración minuciosa por parte de distintos profesionais do equipo multidisciplinar”.

As técnicas de tratamento, engloban, entre outros aspectos, unha rehabilitación do equilibrio dinámico e estático, rehabilitación de alcances e destreza de mans, adestramento do membro superior e da marcha, prescrición de farmacoloxía específica, infiltración de toxina botulínica ou infiltracións articulares ou peritendinosas analxésicas, rehabilitación das funcións cognitivas, procesos atencionais e amnésicos, habilidades visuoespaciais e visuocontructivas, tarefas de planificación e organización con realidade virtual, estimulación basal e multisensorial clínica e técnicas de estimulación central e periférica con tDCS e taNVS.

Os hospitais Vithas son hospitais seguros

Os 20 hospitais de Vithas son hospitais seguros para pacientes e profesionais grazas á implantación de estritos protocolos de seguridade fronte á covid-19. Entre as medidas implementadas destaca o establecemento de dous circuítos diferenciados: un para as persoas con síntomas compatibles coa covid-19, e outro para o resto de pacientes.

Adicionalmente, fornecen máscaras e xel hidroalcohólico a todas as persoas que acudan ao hospital por calquera motivo. Ademais, o Grupo está a realizar test masivos de detección do virus en todo o persoal, que está dotado de todas as medidas de autoprotección necesarias.

Unha seguridade que sempre estivo reforzada grazas a que todos os hospitais Vithas implementan os estritos protocolos da Joint Commission International, organismo de referencia mundial que acredita a seguridade do paciente e a excelencia asistencial.

Anuncios