Baiona inicia as labores de limpeza de espazos verdes e rozado de vías municipais

Dende o pasado luns, 18 de maio, o Concello de Baiona iniciou os traballos de roza nas vías de titularidade municipal e nos espazos verdes do municipio de cara a que, agora que o permite a actual situación de desconfinamento, veciños e veciñas poidan gozar espazos limpos e perfectamente preparados tanto para realizar os seus desprazamentos coma o seu tempo de lecer.

As labores de limpeza iniciáronse na senda fluvial de Baredo para continuar en Sabarís, onde se procedeu ao rozado de parte dos camiños da parroquia, labores que proseguirán nas vindeiras semanas ata completar a totalidade do municipio.

Cómpre salientar que a situación de alerta sanitaria orixinada pola crise da COVID-19, obrigou ao Goberno local de Baiona a pasar a un estado de servizos mínimos, pospoñer estas labores de roza e destinar ao persoal municipal “a labores de atención á veciñanza para afrontar a situación de emerxencia que se estaba a vivir”.

O alcalde Carlos Gómez, salientou que, en canto as condicións o permitiron, “comezouse cos traballos coa antelación suficiente para que, coa chegada da época estival, Baiona presente o seu mellor aspecto tal e como corresponde a un punto de referencia turística non só de Galicia, senón de España”.

A contribución do Concello ao desenvolvemento e dinamización económica do municipio, “pasa tamén por iniciativas como esta que contribúen a reforzar a imaxe turística do noso municipio e a unha reactivación do seu sector produtivo”.