Baiona estuda instalar cámaras para controlar o aforo das súas praias

A poucos días da autorización do uso habitual das praias aínda que condicionadas á distancia de seguridade e aforo, Baiona continúa estudando as posibilidades para poñer en práctica de fronte ao verán e non descarta a instalación de cámaras de vixilancia utilizadas como contadores de persoas para controlar o número máximo de usuarios por areal.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, pola súa banda, admitiu que probablemente non teña tempo suficiente para ter todo a piques de cara ao luns 25 de maio, momento no que está prevista a entrada na fase 2 da desescalada, aínda así considera, do mesmo xeito que o seu homólogo nigranés, que os problemas reais de afluencia masiva de persoas comezarán a producirse a partir de mediados do mes de xuño. A pesar de todo tampouco descarta que as previsións se vexan lixeiramente alteradas debido ao aumento de usuarios residuais derivados doutros municipios que conten con praias con menos capacidade que as da vila, pero que en calquera caso estarán previdos. “A decisión do goberno central de adiantar unha fase na autorización do uso de areais colleunos un pouco co pé cambiado a todos, pero seguimos estudando posibilidades para manter garantías de seguridade”, explicou.

Así pois os dispositivos instalados nos accesos irían acompañados dunha gran pantalla que indique a tempo real a cantidade de usuarios que se atopen na praia, o aforo máximo permitido e a cantidade de persoas restantes para chegar ao límite. Todo iso realizado mediante un cálculo previo de superficie en base ás mareas e ao número de persoas que caberían en cuadrículas imaxinarias de 3×3 metros. Trátase pois dun sistema baseado na responsabilidade individual e no bo uso do mesmo, que funcionaría como un complemento meramente informativo. Con todo se se desen supostos nos que os bañistas non respectasen as indicacións mostradas en pantalla non descartarían a intervención dos corpos e forzas de seguridade para asegurar o seu cumprimento.

A pesar de que desde o Concello están xa estudando orzamentos para estimar o custo económico da implantación da medida nos seus seis areais, o rexedor adiantou que aínda non hai nada en firme, pero o que puido confirmar a este diario é que a opción do parcelación de areais vai aos poucos perdendo protagonismo. A razón radica en motivos organizativos e loxísticos, sobre todo á hora de montar e desmontar as cintas divisorias para limpar os areais. “Tras profundar nesta posibilidade démonos conta que non é moi viable porque son incompatibles coas máquinas de limpeza, pero de todos os xeitos é unha opción que continúa aí”, aclarou.

De calquera das maneiras e tal como anunciou desde un primeiro momento, toda medida adoptada probaríase de modo experimental no areal de Ribeira, e de aí se extrapolaría ao resto.

Anuncios