Detido un veciño de Baiona como presunto autor de preto dunha vintena de roubos na localidade

A Garda Civil detivo a un veciño de Baiona ao que se lle atribúe a comisión de preto dunha vintena de roubos que se cometeron durante os últimos meses en vivendas, vehículos e establecementos comerciais, no centro urbano da localidade.

As investigacións que viña realizando o Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán culminaron onte coa detención deste veciño de Baiona ao ser sorprendido infraganti cando estaba a roubar no interior dunha vivenda próxima ao seu domicilio.

Trátase dun presunto consumidor habitual de estupefacientes, cun amplo historial delituoso, de 44 anos, que reside alternativamente en Vigo e en Baiona coa súa nai.

As dilixencias instruídas pola Garda Civil implícano como presunto autor de 16 delitos contra o patrimonio. A maior parte, 6 concretamente, foron cometidos no interior de domicilios aos que accedía forzando as fechaduras das portas ou xanelas, aproveitando a ausencia dos seus moradores.

Séguenlle en orde de preferencias os roubos no interior de vehículos, de feito, atribúeselle a autoría de 4 roubos e furtos de efectos no interior de furgonetas e turismos que estaban estacionados na vía pública.

Conclúen as investigacións identificándoo tamén como suposto autor doutros cinco roubos nun restaurante, unha discoteca e un hotel do mesmo municipio, onde provocou un incendio supostamente intencionado, que puido causar danos de consideración.

No rexistro que se efectuou no interior do seu domicilio en Baiona recuperouse unha importante cantidade dos efectos subtraídos, no seu maior parte: roupa, calzado e ferramentas, ademais dunha bicicleta e dúas táboas de surf.

As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Vigo, onde foi recibido por videoconferencia o detido, quedando en liberdade con cargos.