Baiona suspende o reparto de máscaras pola tarde tras esgotarse as existencias

O Concello de Baiona informa que o reparto de máscaras pola tarde queda suspendido debido a que pola mañá xa que se esgotaron as existencias. Desde o goberno local, queren agradecer a Protección Civil e aos voluntarios e voluntarias pola súa implicación e á veciñanza polo seu comportamento.

O Concello de Baiona repartiu este martes máis de 15.000 máscaras de protección entre a cidadanía para que conten coa protección necesaria á hora de saír ás rúas. Ás máscaras cirúrxicas homologadas adquiridas polo Concello, engadíronse outras realizadas por persoas voluntarias, máscaras que para o seu posterior uso, foron sometidas a un proceso de esterilización.

Para unha mellor e máis doada distribución –que foi realizada por persoal de Protección Civil do Val Miñor e persoas voluntarias– e evitar aglomeracións de veciños e veciñas, o Goberno local estableceu sete puntos de reparto que funcionaron, todos eles, ata rematar as existencias.

Baiona contou con dous deses puntos situados no Parque “Os Tendais” e na Praza da Froita (Praza Pedro de Castro). Outros dous lugares de distribución instaláronse en Sabarís, concretamente na Praza de Victoria Cadaval e na Avenida de Sabarís (Carrefour). Pola súa banda Baíña e Baredo contaron con cadanseu punto de distribución instalado nos seus respectivos centros culturais. Finalmente Belesar tivo outro centro de distribución na zona do cemiterio.

O Concello de Baiona realizou o pedido das máscaras hai un mes con antelación suficiente para que estiveran ao dispor da cidadanía “agora que é cando son precisas e non antes, cunha situación estrita de confinamento”, explica o alcalde, Carlos Gómez. En todo caso, o rexedor local segue facendo un chamamento “á prudencia e á responsabilidade” xa que, aínda que con medidas máis relaxadas, “a crise sanitaria provocada pola COVID-19 e o perigo de contaxio seguen aí”.

Nestas circunstancias, engade Gómez, “é cando máis precavidos e coidadosos debemos ser para poder seguir avanzando nas fases da desescalada e evitar un retroceso de imprevisibles consecuencias sociais e económicas”. As máscaras contribúen a unha mellor protección, pero a forma máis efectiva de atallar o virus “son as medidas de prevención que todos e todas deberemos adoptar dentro da nosa responsabilidade persoal”, finaliza o rexedor local.