Baiona acode a Fitur co fin de proxectar nacional e internacionalmente a imaxe da vila

A concelleira de Turismo do Concello de Baiona, Sheila González Martíns, e as técnicas do departamento municipal, desprazáronse a Madrid con motivo da celebración da Feira Internacional de Turismo (FITUR). Estarán na capital durante tres días para estar presentes en diferentes reunións de traballo e varios actos co fin de proxectar nacional e internacionalmente a imaxe da vila de Baiona e o seu turismo. Entre os obxectivos de Turismo de Baiona en Fitur están asistir a diversas reunións axendadas previamente, con diferentes empresas de tecnoloxía, cadeas hostaleiras, turismo familiar etc., de gran interese para o desenvolvemento da actividade turística da Vila. Turismo de Galicia ofreceu a oportunidade a Turismo de Baiona de realizar unha presentación no seu stand, dentro dun espazo tan significativo como é “Galicia Parabéns”, será o venres ás 14:00 horas.

Asemblea Xeral da Asociación Villas Marineras en Fitur

A concelleira e as técnicas acudiron onte á primeira asemblea xeral de Villas Marineras do 2024, xunto co resto de representantes dos seis municipios integrantes da asociación. Durante a reunión marcáronse as liñas de traballo a seguir neste ano que acaba de comezar. Traballouse sobre o plan estratéxico promocional que permita dinamizar as accións e a presenza de Villas Marineras no panorama nacional e internacional. Tamén entre os temas tratados, realizouse o cambio de Presidencia, que durante os próximos dous anos, corresponderá a Llanes. Baiona será a tesoureira. Sheila González Martíns destaca que “formar parte de Villas Marineras é formar parte dun proxecto turístico importante que une baixo un mesmo obxectivo a seis vilas mariñeiras do norte de España e que beneficia á proxección da imaxe de Baiona máis aló das nosas fronteiras. Ademais, este compromiso perdurará máis aló de Fitur facendo unha gran promoción turística da nosa vila”.

Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño

A concelleira de Turismo acudiu pola tarde á presentación que realizou o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño “Vivir experiencias, compartir territorio”, unha campaña protagonizada por persoas reais que co seu traballo diario conquistan ás e aos visitantes. A presentación finalizou con sorpresa, xa que este ano o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño quixo dar un paso máis na súa campaña para saír do recinto de Fitur e sorteou entre o público asistente catro experiencias turísticas para grupos de ata 6 persoas. Durante o mes de febreiro nas redes sociais de Eu Rural e do Xeodestino haberá novos sorteos de sobres sorpresas para animar ás e aos visitantes a gozar do territorio.

Desde o Departamento de Turismo do Concello de Baiona está a traballarse para facer do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño un destino turístico diferente, innovador e sostible Formado por A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Tomiño e Tui busca transformar o modelo turístico do territorio en base ao potencial da súa enogastronomía.