Sogacsa investirá 1,8 millóns na construción dunha nave en Porto do Molle

O Concello de Nigrán outorgou esta semana licenza a Sociedad Gallega de Carretilla, S.A. para construír unha nave industrial no parque empresarial Porto do Molle cun orzamento de 1.861.381 € e cuxas obras deberán comezar antes de 6 meses. Trátase da primeira licenza en máis de dous meses debido ao Estado de Alarma decretado por mor do Covid-19.

Así, o goberno local deu luz verde a esta actuación despois de aprobar Alcaldía un decreto este mércores 13 de maio para permitir proseguir ao departamento de Servizo Urbanos coa tramitación de expedientes esenciais ou con vontade de continuidade administrativa, como é o caso desta aprobación (así o establece o artigo 6 do Real Decreto 463/2020 que faculta ás Administracións Públicas a conservar competencias no marco sempre do Estado de Alarma) .

“Consideramos que a paralización deste tipo de expedientes durante tanto tempo prexudica directamente á veciñanza, polo que era o momento de reactivar a autorización de licencias ditando este decreto que permitirá reactivar novamente a economía local”, explica o alcalde, Juan González, quen avanza unha batería de medidas para axudar ao pequeno comercio de Nigrán e a hostalería, seriamente danados nesta crise.

Así, a nave estará dedicada ao uso loxístico, mantemento, “handling” e automatización (recepción, montaxe e posta a punto de carretillas elevadoras), e estará situada nas parcelas 9.10 e 9.11 do SAU-9 (ao carón de Ecoforest) cunha superficie máxima de construción de 3.743 metros cadrados. A altura desta nave non poderá exceder os 12 metros e será netamente industrial.

“Trátase dunha primeira boa noticia despois de 2 meses de incertezas económicas. Esta licenza leva aparellado xerar traballo, emprego e recursos económicos ao Concello de Nigrán, que sigue contando co Polígono Terciario de Porto do Molle como o seu gran activo”, sinala González, quen asegura que nos vindeiros días haberá máis boas novas con respecto á puxanza deste parque empresarial.

SOGACSA

Desde que fose inaugurada, en 1989, Sogacsa foi concesionario oficial Linde en Galicia. Aínda que empezou como distribuidor de carretillas, a Sociedade Galega de Carretillas soubo adaptarse aos tempos e ás necesidades dos seus clientes ofrecendo o mellor servizo e calidade a todas aquelas empresas da comunidade que necesiten vehículos de manutención. Ao longo destes 30 anos, Sogacsa conseguiu consolidarse como empresa do sector dos vehículos de manutención. Na actualidade conta con dúas sedes. A central atópase no polígono As Gándaras de Porriño (Pontevedra). Dispoñen ademais doutra sede no polígono de Pocomaco, na Coruña. Pero ademais teñen unha nave na provincia de Lugo e técnicos desprazados por toda a comunidade e en cada municipio importante de Galicia. A proximidade é unha das características do servizo de Sogacsa. O outro é a personalización. A cada empresa ofértaselle o servizo que necesita: aluguer a curto prazo para campañas estacionarias ou para cubrir avarías; xestión de frotas e aluguer a longo prazo; vehículos novos; de ocasión… Un dos seus puntos fortes é a posibilidade de ofrecer distintos contratos de mantemento adaptados ás frotas de propiedade de cada cliente. Os sectores do automóbil, pesqueiro, conserveiro, téxtil, vitivinícola e leiteiro son algúns dos que confían na Sociedade Galega de Carretillas como provedor de carretillas e transpaletas.

2020-05-17 - Carretilleros1