Sin categoría

Vithas Vigo fai públicos os resultados do estudo de seroprevalencia entre os seus traballadores

Vithas Vigo é o primeiro hospital galego en facer público os resultados do estudo de seroprevalencia fronte ao covid-19 realizado entre todos os seus traballadores, tanto asistenciais como non asistenciais. Esta iniciativa forma parte do plan “Hospital seguro” que Vithas puxo en marcha nos 20 hospitais e 26 centros médicos de España. Os resultados, moi inferiores aos coñecidos doutros hospitais españois, constata que os centros de Vithas en Vigo e Pontevedra son seguros para todos os seus profesionais e usuarios.

Así, entre a terceira e cuarta semana de abril, todo o persoal de Vithas en Vigo e Pontevedra, tanto asistencial como non asistencial, someteuse ás probas en sangue por inmunoensaio, que determina o IgG (que desvela se houbo contacto co virus) e o IgM (que indica se a infección está activa ou non).

Do total de probas realizadas entre os preto de 400 traballadores de Vithas en Vigo e Pontevedra, os positivos sitúanse por baixo do 5%, que é o nivel de seroprevalencia na poboación xeral española, a pesar de que os profesionais do hospital entran en contacto con pacientes de covid-19.

O Hospital Vithas Vigo é o primeiro centro sanitario de Galicia que fai públicos os resultados do seu estudo de prevalencia entre o persoal. E os seus resultados son inferiores aos que se publicaron ata o de agora en España doutros hospitais, que nalgún caso chega ata o 30%.

O xerente de Vithas Vigo e Pontevedra, Dr. Ciro Cabezas Checchi, considera que estes datos “reflicten que as medidas para protexer aos traballadores, pacientes e usuarios foron as adecuadas, xa que a diferenza doutros estudos de prevalencia entre o persoal de hospitais arroxa cifras superiores. Demostran tamén o alto nivel de compromiso e concienciación dos nosos profesionais coa súa propia seguridade e, por tanto, coa dos pacientes que atenden”.

O grupo Vithas non só realizou estes test masivos en Vigo e Pontevedra, senón entre todo o seu persoal dos 20 hospitais e 26 centros médicos, denominados Vithas Saúde, de España.

Dobre circuíto e nova sinalización

Coincidindo con estes resultados, coa diminución do número de casos, e sempre de acordo coas autoridades sanitarias, o Hospital Vithas Vigo reactivou xa a programación de consultas e de cirurxías, aínda que nunca deixou de atender os casos urxentes ou preferentes.

Para iso, Vithas implementou circuítos diferenciados para pacientes covid-19 e os doutras patoloxías, e ofrece máscaras e xel hidroalcohólico a todas as persoas que acoden ao hospital. Todas as áreas do centro están dotadas cunha nova sinalización específica sobre as medidas de seguridade necesarias; e os postos de atención ao público contan con biombos de protección.

Do mesmo xeito, tanto na área cirúrxica como na área de consultas existen novos protocolos para tratar a estes pacientes. En Urxencias tamén existen dous circuítos ben diferenciados, un para pacientes con infección respiratoria e outro para o resto de usuarios. As citas a consultas espaciáronse de maneira que sexa posible manter a distancia de seguridade nas salas de espera.