A Xunta executa traballos de conservación e limpeza nos ríos Miñor e Zamáns en Gondomar

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Miñor e Zamáns, así como no regato de Zapa e o regato da Rasa, ao seu paso polo municipio de Gondomar.

Estas tarefas estanse a desenvolver nun tramo de preto de 6,35 quilómetros de lonxitude, que coincide co percorrido destes ríos e regos polos lugares de Gondomar, Mañufe, Vilaza e Chaín.

As tarefas forman parte das intervencións de Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI).

As actuacións céntranse na retirada da canle de árbores, pólas, madeira morta e elementos susceptibles de causar atoamentos e, puntualmente, apeo selectivo de árbores con risco de caída e tratamento de canas. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos e regos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-Sur.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.

2020-05-16 - Gondomar

Anuncios