O Monte Real reabre as súas instalacións con novos protocolos de seguridade e hixiene fronte ao coronavirus

Tras dous meses prestando os servizos mínimos establecidos polo goberno para os portos deportivos, o Monte Real Club de Yates de Baiona reabre mañá parte das súas instalacións con novos protocolos de seguridade e hixiene fronte ao coronavirus.

A cafetería e restaurante do club prestarán servizo desde este venres aos socios desde as doce do mediodía ata as oito da tarde, aínda que o farán unicamente na zona das terrazas e coa redución e separación de mesas esixida polas autoridades. Serviranse consumicións e tamén comidas, limitadas estas últimas a 40 menús ao día e sempre con reserva previa.

Na área da mariña, á que socios e usuarios poden acceder desde hai días para saír a navegar ou revisar o estado das súas embarcacións, traballa xa todo o equipo de mariñeiría ao completo. Durante as últimas semanas, cos impedimentos para acceder aos pantaláns e as restricións á navegación, o equipo quedara reducido ao máximo, pero xa está plenamente operativo, dedicado ao mantemento e posta a punto anual das embarcacións e pantaláns.

Aínda que a zona da mariña estará plenamente operativa, os vestiarios permanecerán pechados e os aseos só poderán ser usados de forma individual.

En canto ao persoal de oficina, este seguirá teletraballando como ata o de agora, cumprindo así coas medidas laborais aprobadas polo goberno, que recomendan o traballo a distancia con carácter preferente sempre que sexa posible.

Apelando á responsabilidade individual, desde o Monte Real recomendan a todas aquelas persoas que tivesen contacto con alguén diagnosticado co virus nos últimos 15 días ou que presenten síntomas de febre e/ou tose seca, que se absteñan de ir ao club. Con todo, aos usuarios que queiran acceder ao club tomaráselles a temperatura antes de entrar e en caso de superar os 37,5 graos, non se lles permitirá o acceso.

Así mesmo, e como ampliación ás medidas de seguridade e hixiene, no club colocáronse diversos puntos con xabóns e xeles hidroalcohólicos para a limpeza de mans, e haberá tamén máscaras ao dispor de todos aqueles que non teñan unha propia.

Tres regatas aprazadas e as próximas aínda no aire

Coa situación xurdida por mor da crise sanitaria do Covid-19, o Monte Real Club de Yates viuse obrigado a aprazar, a unha data aínda por determinar, as súas tres primeiras competicións do ano deportivo.

A primeira en caer do calendario foi o Trofeo Comunica, que estaba previsto celebrar o pasado 25 de abril na ría de Vigo. O club tamén se viu obrigado a aprazar o Trofeo Repsol – Regata de Primavera, que se ía a disputar entre o 1 e 3 de maio.

En ambos os dous casos, as competicións víronse afectadas polas restricións derivadas do Estado de Alarma, que prohibiron todo tipo de actividades deportivas de lecer, como probas e exhibicións náuticas.

O Monte Real tampouco poderá organizar de momento o Campionato Galego de Solitarios e A Dous – VI Memorial Rafael Olmedo, marcado no calendario para o próximo 6 de xuño. A Real Federación Galega de Vela elixira un ano máis (o noveno ano consecutivo) ao club baionés para organizar a proba, e ambas as dúas entidades deberán buscar agora a data máis adecuada para a súa celebración.

A esperanza de retomar a Escola de Vela no verán

A Escola de Vela é outro dos apartados do club que se viron máis afectados polas restricións do Estado de Alarma e as medidas que se foron aprobando para a desescalada. Polo momento, todas as clases, tanto de vela lixeira como de vela cruceiro, e tamén os cursos de vela adaptada para persoas con discapacidade, quedaron paralizados.

Desde o Monte Real esperan poder ir retomando a actividade aos poucos, aínda que non se expón un regreso ao completo polo menos ata o verán. A evolución da crise sanitaria e as imposicións das autoridades serán as que vaian ditaminando os pasos para dar e como serán as clases unha vez que se retome a actividade. Desde o club teñen claro que nada será o mesmo, polo menos durante un tempo, pero cren que a Escola, aplicando máis medidas de seguridade, poderá ir retomando aos poucos as súas rutinas.

Anuncios