Sin categoría

Manifesto Miñor tampouco participará no pleno extraordinario convocado en Gondomar

O Alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, convocou o pleno extraordinario que a primeiros de marzo solicitara a oposición municipal. Un pleno solicitado para fiscalizar ao Goberno Municipal diante da falla de resposta ás peticións de informacións ou simplemente a negativa a convocar os plenos ordinarios estipulados por lei.

Desde Manifesto Miñor-En Marea critican que agora, aproveitando o Estado de Alarma, “pretende facer o pleno telematicamente para eludir a crítica e dar explicacións como lle cómpre, agochándose detrás dunha pantalla de plasma como fixera un coñecido Presidente do Goberno. Unha cacicada de toda a vida”.

“Con Manifesto Miñor-En Marea que non conte para este tipo de trapalladas, si pode contar para participar nun pleno non se fale e acorden medidas de utilidade para a veciñanza de Gondomar”, afirma Antonio Araújo, que vén de presentar un escrito no Rexistro Municipal anunciando a posición do seu grupo.

PLENO EXTRAORDINARIO-TELEMÁTICO 15 DE MAIO DE 2020 (Solicitado pola oposición).

En relación co Pleno Extraordinario vía telemática convocado por Vde. para mañá venres a petición dos grupos da oposición, teño dito noutras ocasións, incluso na xornada de formación previa ao mesmo, este tipo de ferramentas teñen unha dupla condición: poden ser de moita utilidade segundo para qué, mais tamén fan que perdamos dereitos cívicos e liberdades en aras dunha suposta comodidade ou seguridade como é o caso do Estado de Alarma que estamos a vivir. Por este motivo, o Grupo Municipal de MM-EM, fai as seguintes consideracións ao respecto para que sexan incluídas no expediente do devandito pleno como cuestións de orde previas ao mesmo.

CUESTIÓNS DE ORDE DO G.M. DE MANIFESTO MIÑOR-EN MAREA. (Rogo que consten expresamente na Acta do Pleno no caso de se celebrar o mesmo).

1ª.- CUESTIÓN DE ORDE: A convocatoria deste pleno vía telemática, ademais doutras consideracións de tipo ético ou político, carece, ao noso entender, de base legal na que se apoiar á vista do articulado do ROF. En todo caso, unha situación extraordinaria como a actual que poida xerar a aparición de baleiros legais ou de falta de normativa específica, nunca pode dar lugar a recortes nos dereitos e liberdades dos representantes públicos ou dos cidadáns en xeral. O Congreso dos Deputados, os parlamentos autonómicos, o Senado, incluso o Parlamento Europeo, celebran sesións presenciais con voto ponderado, etc… pero os debates danse nas cámaras respectivas.

2ª.- CUESTIÓN DE ORDE: Dende o G.M. de M.M.-E.M. manifestamos a nosa preocupación e desacordo que o Goberno Municipal e o Sr. Alcalde aproveiten a situación excepcional derivada do COVID-19 para furtar o imprescindible debate público eludindo o control democrático da Corporación Municipal, e polo tanto dos representantes da cidadanía. O noso G.M. podería admitir un pleno destas características unicamente nun caso de extrema urxencia e polo interese xeral. Que non é o caso.

3º.- CUESTIÓN DE ORDE: Consideramos que se trata dunha convocatoria irregular, toda vez que foi realizada incompleta sen a documentación relativa a cada expediente e sen a preceptiva Comisión Informativa para ditaminar os asuntos. Que a devandita documentación fose incorporada no límite temporal legal á celebración do Pleno, a maiores é unha falla de respecto á Corporación Municipal toda vez que resulta imposible unha análise da mesma, sequera sucinta, en día e medio para irmos informados ao Pleno.

4ª.- CUESTIÓN DE ORDE: Por último, o G.M. de MM-EM anuncia que non vai lexitimar coa nosa presenza un pleno convocado a mantenta nestas condicións, co obxectivo espúreo de crear unha ficción democrática usando a pantalla de plasma para eludir a fiscalización e control da Corporación. Insistimos na urxencia de convocar un pleno para tratar as necesidades da veciñanza de Gondomar, como por exemplo a moción para dotar de aparellos telemáticos ao alumnado de Gondomar que non ten acceso aos mesmos, ou a corrección da fenda dixital, ou toda a problemática do comercio local, etc. Por todo isto, MM-EM NON VAI PARTICIPAR NESTE PLENO INNECESARIO E ANTIDEMOCRÁTICO, a maiores, reservámonos o dereito a actuar en consecuencia.