Anuncios
Ticker de novas

Alberto Meira volve esta semana á competición no Rali Ribeira Sacra

Alberto Meira e José Murado teñen esta semana un durísimo reto, o de conseguir brillar nun Rali Ribeira Sacra que está chamado a ter a mellor participación de todo o ano no Campionato Galego de Ralis, ou como mínimo a máis exótica, por incluír a dous novos pilotos integrados no programa de formación do equipo oficial Toyota, que acudirán a este rali para acumular quilómetros sobre asfalto. Meira, centrado na pelexa polo campionato, vaticina que “Os dous xaponeses poderían ser unha incógnita, de non ser porque hoxe en día é fácil atopar información, e ver que aínda que non son grandes estrelas internacionais, si compiten habitualmente en todo tipo de probas, así que chegan cun bo ritmo, e teño claro que o van a facer ben. Paréceme ben que cheguen participantes de nivel, é positivo para o campionato en xeral”.

Polo demais, o piloto de Vincios chega coa moral a lume de biqueira a esta carreira, despois de gañar o último rali celebrado, e de conseguir recortar a súa diferenza de puntos con Víctor Senra, líder provisional do campionato: “-O equipo está a facer un traballo sensacional, e en todas as carreiras sumamos moitos puntos. Este ano a normativa reduciu as prestacións do noso coche, pero a fiabilidade está a ser total. Toco madeira. Por unha banda non nego que me gustaría cambiar de coche, pero ao mesmo tempo sigo pensando que o Mitsubishi Lancer é un coche fabuloso”.

O Rali Ourense Ribeira Sacra, con 96,4 quilómetros cronometrados, será a sexta cita do Campionato Galego de ralis, e puntuará con coeficiente 7. A proba terá un pequeno tramo na noite do venres, onde como adoita dicirse, hai pouco que gañar e moito que perder. Estímase moito máis relevante o resultado dos oito tramos cronometrados que terán lugar ao día seguinte. En todo caso, a excelente participación fai vaticinar unha emocionante batalla deportiva, co título autonómico en xogo, nun momento decisivo da tempada.

HORARIOS – VENRES 22 SETEMBRO
Inicio rali ás 20:00
Tramo A – “Castro de Beiro” ás 20:18

HORARIOS – SÁBADO 23 SETEMBRO
Saída 2ª etapa ás 8:00 en Campus Universitario de Ourense
Tramo B – “Maceda Baldrei” ás 8:35 e 11:56
Tramo C – “Caxide-Loureiro” ás 9:17 e 12:40
Tramo D – “San Miguel Luintra” ás 16:49 e 19:49
Tramo E – “Almorfe Luintra” ás 17:38 e 20:37
Final do rali a partir das 21:17 no Campus Universitario de Ourense

Anuncios