Novo composteiro comunitario en Baiona e ampliación doutro en Gondomar

O Val Miñor vén de aumentar as súas infraestruturas de compostaxe ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación: xa está instalado un novo centro de compostaxe comunitaria en Baiona e ampliado o existente no Parque das Ánimas en Gondomar. Desta maneira, Baiona pasa a ter catro composteiros veciñais e Gondomar dous a pleno rendemento.

No caso do municipio de Baiona, o centro de compostaxe comunitaria (CCC) recibiu hoxe os últimos axustes. Está situado na Avenida Joselín, na estrada que une Baiona e A Guarda, e consta de seis módulos que darán servizo á veciñanza da contorna e tamén á escola infantil situada nas inmediacións.

Aínda non está definida a data para a súa posta en marcha, que deberá facerse cando o Concello considere, se ben está feita a recollida de sinaturas entre os veciños e veciñas dos edificios próximos (máis dun cento). Estes recibirán cumprida información sobre como deben achegar os seus residuos biodegradables nas vindeiras datas. Tamén existe un compromiso firmado por parte da Dirección da “Galiña Azul”, que levará todos os restos do comedor diariamente ao composteiro.

A nova instalación dun CCC en Baiona débese á activa colaboración da cidadanía na compostaxe. Ata o momento o concello contaba con outras tres instalación (no Camiño do Carme –Sabarís-, na Rúa do Burgo, e no Parque das Ánimas). Ademais do soporte técnico provincial, o propio Concello de Baiona conta cun mestre composteiro contratado grazas a unha subvención da Deputación que diariamente fai o control e seguimento dos centros para que a compostaxe sexa segura.

Por outra banda, en Gondomar acábase de realizar a ampliación do CCC do Parque das Ánimas, instalado no mes de xaneiro deste ano cun grande acollemento por parte da veciñanza. Dos seis módulos iniciais foi necesario pasar a 10 debido á grande cantidade de biorresiduos que se levan alí diariamente, segundo os técnicos, ademais, sen ningún tipo de impropios nin queixas polo funcionamento.

No concello de Gondomar hai instalado tamén outro CCC nas inmediacións do supermercado Froiz, e está previsto repartir arredor de 60 composteiros individuais para a xente con casas con horta. Tamén hai que salientar que o vindeiro venres comezará a traballar como mestra composteira do Concello unha técnica formada dentro da “Facultade Revitaliza” grazas a unha subvención da Deputación.

Cabe sinalar que nos composteiros de Gondomar e Baiona, ao igual que acontece no resto da provincia, estase a constatar un aumento das achegas de lixo orgánico por parte da cidadanía que, de media, duplica ás de períodos anteriores. Esta situación, pola contra, contrasta coa “conxelación” que se produce por parte dos produtores singulares, xa que durante os dous pasados meses o sector da restauración estivo parado e agora empeza a iniciar a súa actividade.

2020-05-13 - BAIONA NOVO CCC2