Coa entrada da Fase 1 da desescalada a comarca do Val Miñor volveu a unha tímida normalidade marcada polo aumento da actividade en xeral. A pesar de que onte foi luns, o sector hostaleiro aos poucos vaise animando á apertura de terrazas, en moitos casos sobredimensionadas, aínda que todas elas respectando a distancia entre mesas de dous metros marcada polas autoridades. No caso de Nigrán os bares que retomaron a súa actividade distribuíronse por zonas como Panxón, Praia América ou a Praza do Concello, entre outras.
A tónica repetiuse de maneira similar en Baiona coa gran parte dos bares aínda pechados á espera de retomar a actividade ou ben levando a cabo os preparativos para abrir as súas portas. Na mañá de onte os lugares abertos podíanse contar cos dedos dunha man en zonas como Sabarís, Avenida Elduayen, Os Tendais ou mesmo algún no casco antigo.
No caso de Gondomar os locais con terrazas en funcionamento localizáronse en zonas como a Praza Paradela mentres que outros situados na Praza Rosalía de Castro ou a Alameda estaban con tarefas de posta a punto para reabrir ao longo da semana.
De modo similar ocorreu cos comercios de menos de 400 metros cadrados, lugares de culto ou camposantos, onde a afluencia de persoas non foi intensa. Con todo esta dinámica non se repetiu da mesma maneira en espazos deportivos ao descuberto, polo menos en Nigrán, que amenceu co complexo deportivo Dunas de Gaifar cun número considerable de afeccionados ao tenis, chegando por momentos a ocupar o 100% do espazo.



