O Baíña Fútbol Sala será equipo de Terceira un ano máis

Oficialmente pechada a tempada da Terceira Nacional. Este era, e foi, un ano histórico para o Baíña Fútbol Sala e para o futsal de Baiona, por primeira vez un equipo xogaría en ligas nacionais. O equipo dirixido por David Pérez afrontaba un reto dos grandes, cun persoal novo e sen experiencia na categoría. Os comezos non resultaron sinxelos pero a base de sesións de adestramento o equipo foi collendo o pulso á competición, logrou saír dos postos de descenso e mesmo lograr resultados de mérito como o empate en casa do líder e ao cabo o Campión, o Stelllae de Padrón, ou a vitoria en casa ante todo un filial do Parrulo por 3 a 1 no que sería o último partido de liga.

Desde a directiva queren agradecer ao corpo técnico e xogadores toda a súa implicación e o seu traballo, así mesmo o recoñecemento ao xogadores do filial e xuvenil que achegaron o seu gran de area, tamén aos patrocinadores, que grazas a eles lograron liquidar a parte económica, especialmente a Baitra e A Capela, e como non á afección “amarela”, que cada fin de semana enchían o pavillón e foron sen dúbida parte deste gran éxito deportivo como é o manter a categoría.

Agora toca xa traballar no futuro, coa esperanza de que todo isto pase e volver encher o municipal e vibrar cos goles do Baíña.

Anuncios