
A experiencia e a calidade de Noel Martín seguirán ao servizo do Vigo-Rías Baixas en 2021. O ex profesional abulense aceptou a oferta de renovación da entidade presidida por José Luis Chamorro e volverá exercer de capitán de ruta do equipo flúor. Tras a súa primeira tempada ás ordes de Marcos Serrano, o estilo proposto polo director deportiva de Chapela cativoulle.
“O que diferenza ao Vigo-Rías Baixas doutros equipos é que sae a buscar a vitoria en todas as carreiras, sexa cal for. Sempre temos unha estratexia definida e ante calquera dúbida tomamos o control da proba e non nos escondemos. Témolo claro e non estamos pendentes do que fan o demais”, afirma o ciclista de 31 anos.
Cun amplo palmarés de vitorias na categoría Elite-Sub23, o corredor de El Arenal asumiu neste 2020 o rol de escudeiro de Mauricio Moreira, axudando ao uruguaio a lograr triunfos como a xeral da Volta á Provincia de València: “Púxenme ao dispor do grupo e fixen o que necesitou en cada momento. Tanto eu como o equipo temos que estar satisfeitos da tempada realizada”.
A nivel individual, Martín quedou ás portas do podio no Campionato de España de contrarreloxo elite, un dos grandes obxectivos do seu calendario. “Aínda que moitas das carreiras que máis me gustaban e mellor víñanme non se puideron celebrar por culpa da pandemia, o balance en xeral é bo. O equipo conseguiu vitorias e disputou todas as carreiras ás que fomos”, comenta o cuarto clasificado no Campionato CRI disputado en Xaén.
O versátil ciclista castelán leonés si que subiu ao podio noutras especialidades durante os últimos meses: conseguiu a vitoria na Volta a Madrid MTB Non Stop, proclamouse campión autonómico en pista e obtivo o subcampionato de España de Eliminación.
Esta renovación é a sexta confirmada polo Vigo-Rías Baixas para a próxima campaña. Únese ás de Guillermo Mallo, Asier González, Jon Tena, Manuel Sampedro e Iñigo Rodríguez.