Nigrán inicia este mércores o reparto de máscaras para toda a poboación

O Concello de Nigrán iniciará este mércores 13 de maio o reparto de máscaras homologadas para toda a poboación do municipio tras investir 16.100 € na compra de 22.000 unidades (o padrón reflicte algo menos de 18.000 veciños). Co fin de que esta entrega sexa o máis eficiente e rápida posible e que non quede ninguén fóra, o equipo de goberno contará coa colaboración de Protección Civil para os núcleos urbanos de A Ramallosa, Panxón e Nigrán e coas entidades veciñais ou culturais para chegar porta a porta a cada domicilio do arrabalde e parroquias.

Así, Protección Civil habilitará mañá tres puntos de entrega de 10:00 a 12:00 horas para os residentes exclusivamente nos núcleos urbanos de Nigrán (Praza do Concello), Panxón (Pavillón de Deportes) e Alameda de San Campio (A Ramallosa). Cinco voluntarios de Protección Civil acompañados de membros do goberno local realizarán este reparto que se cingue só aos residentes dos edificios destes tres núcleos. No caso das parroquias e arrabalde destes núcleos serán as entidades veciñais e concelleiros os que desde este mércores irán porta a porta a entregar máscaras. Así, en Chandebrito colabora a A.V. O Castro e a Comunidade de Montes; en Camos a A.V. A Camoesa e o Centro Cultural; en Priegue a A.V. A Irmandade; en San Pedro a A.V. A Unión e a Asociación Cultural Vencellos de Vilariño; no arrabalde de Panxón, a A.V.Monteferro; no núcleo non urbano de Nigrán o Club Bolos do Ceán; e, en Parada, serán os propios concelleiros.

“Invitamos a colaborar a todas as entidades de Nigrán, algunhas están nunha situación precaria de medios humanos e non poden colaborar pero todas amosaron a súa boa vontade. Elas son as que coñecen mellor a realidade de cada fogar, polo que son fundamentais para facer un reparto xusto e que non deixe a ninguén fóra”, incide o alcalde, Juan González, quen subliña que as carpas de Protección Civil son só para os residentes dos núcleos urbanos. “Pedimos que non se acheguen a estes puntos de Protección Civil os veciños do arrabalde ou outras parroquias porque a eles xa se lle entregarán directamente na súa casa, debemos actuar con solidariedade e civismo respectando estas directrices co fin de que cheguen as máscaras a todos”, incide González.

“A primeira remesa que recibimos das adquiridas polo Concello as distribuímos entre os comerciantes para que puidesen abrir os seus negocios en condicións de máxima seguridade. E ao inicio desta crise, cando escaseaban as máscaras, estivemos repartindo as que conseguíamos entre os colectivos máis expostos ao Covid-19 e os que traballaban cos sectores máis vulnerables, como residencias de anciáns, coidadoras a domicilio, centros de saúde, taxistas, tendas de alimentación… esta adquisición masiva non foi sinxela pero ao fin están aquí para distribuír entre toda a poboación”, conclúe González.

2020-05-12 - Cartel_Mascarillas_poboacion_2