O Vigo-Rías Baixas renova ao seu capitán e campión do mundo Noel Martín

O corredor máis laureado do Vigo-Rías Baixas vestirá de flúor por terceira tempada consecutiva. Noel Martín prolongou a súa vinculación coa entidade presidida por José Luis Chamorro tras un 2021 máxico no plano persoal e no colectivo. Ademais de adxudicarse a Clasificación Elite española por equipos co conxunto olívico, o abulense proclamouse campión do mundo de tándem e subiu ao podio nos Xogos Paralímpicos de Tokyo.

“O ano pasado foi dificilmente mellorable”, admite o ciclista con experiencia no campo profesional. Gañador de dúas probas do calendario estatal, logrou varios segundos postos, un deles o subcampionato de España Elite de Contrarreloxo Individual. Martín contribuíu con moitos puntos, o seu esforzo en favor do grupo e os seus dotes de capitán para que o Vigo-Rías Baixas asinase a mellor tempada da súa historia: “Ao final saíron as cousas grazas ao traballo en equipo e ao bo ambiente que houbo”.

Os éxitos internacionais do corredor de El Arenal chegaron no ciclismo adaptado. Xunto a Christian Venge conquistou a camisola arco da vella na proba de fondo do Mundial e colgouse a medalla de bronce na contrarreloxo dos Xogos Olímpicos. Nun ano que empezara coa inesperada ruptura co seu anterior compañeiro de tándem, o abulense soubo reinventarse para alcanzar os fitos máis importantes da súa carreira deportiva. “Despois do mazazo que me levaba en Nadal, souben empezar de cero e todo o que conseguimos é para estar moi orgullosos”, sinala Martín.

Aos seus 32 anos, e co seu espírito competitivo intacto, márcase como obxectivo para 2022 “seguir na mesma liña. Tratarei de achegar todo o que poida ao equipo. Cando faga falta exercerei de capitán de ruta e tamén estarei preparado para cando faga falta rematar. Darémolo todo e farémolo o mellor posible para que este club siga no máis alto”.

Fernández e Williamson

Á renovación de Martín hai que engadir outras dúas, coas que o Vigo-Rías Baixas pecha este capítulo para a nova tempada. O vigués Jorge Fernández e o inglés Max Williamson continuarán pertencendo a unha estrutura que ultima varias incorporacións para definir por completo o seu persoal.