Sin categoría

Xa se poden solicitar os subsidios para persoas que perderon o seu traballo temporal ou empregadas de fogar

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, informou hoxe de que xa se poden solicitar os subsidios para persoas que perderon o seu traballo temporal e para persoas empregadas do fogar. O prazo empeza este mes e finaliza un mes despois do fin da vixencia do estado de alarma.

Esta medida enmárcase na liña de axudas do Executivo para “non deixar a ninguén atrás”. O Goberno creou unha nova axuda por emprego no fogar. Serve a quen sufra un cesamento ou redución de actividade. Está previsto que poidan percibir ata o 70% da súa base reguladora mentres dure esta situación.

Javier Losada aclarou que as persoas que traballan no fogar poden continuar a súa actividade. Nese caso, se non alcanzan o Salario Mínimo Interprofesional (SMI), poderán completalo con este subsidio. Se non seguen coa súa actividade, percibirán directamente o 70% da súa base reguladora.

Para tramitar a solicitude desta axuda debe facerse a través de Servizos Centrais. Por iso, non pode tramitarse nas oficinas do SEPE senón noutras que dispoñan de rexistro ou a través de Correos.

Ademais, existe unha achega para aquelas persoas que tiveses un contrato temporal de duración de polo menos dous meses que quedase extinguido tras a declaración do estado de alarma e que non alcancen o período de cotización mínimo para percibir unha prestación por desemprego. Poden percibir un subsidio extraordinario equivalente ao 80% do importe mensual do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem).

Neste caso si é posible tramitalas polas canles e modelos habituais, como nas oficinas do SEPE. Para iso, existe un formulario para pedir cita previa na sede electrónica.