
O baionés Uf Dog presenta o seu esperado LP “Ufboys Worldwide” xunto ao produtor Jay Saez. O rapeiro lanza un traballo composto por 14 tracks onde transporta ao espectador a un imaxinario da súa propia aeroliña de avións, viaxes, negocios e multiculturalidade. Desde Baiona para o mundo.
Este artista galego nado en 1990 leva máis de 15 anos vinculado á cultura hip-hop e á música en xeral, aínda que é certo que non foi ata 2018 que a súa carreira artística empezou a coller forma e como el di “traballar coa mesma esixencia que un artista profesional”.
Grazas a este esforzo e foco na música conseguiu gañar o respecto de artistas da vella escola do rap, pero tamén da nova, entre os que se atopan Toteking, Pezas, Zenit ou Easy-S entre outros, chegando a aparecer en prensa escrita, radios nacionais e autonómicas.
Ufboys Worldwide: Rap fresco sen perder a esencia aos anos 90s
En relación aos adiantos de Ufboys Worldwide que Uf Dog e Jay Saez foron lanzando durante estes últimos meses, se algo destacan compañeiros de profesión, e o público, é a capacidade do dúo para manter a esencia propia do xénero e á vez soar actuais, o cal non é sinxelo e menos nunha escena actual quizais sobresaturada de oferta musical. O LP conta con varios skits ou interludios, algo moi habitual nos discos de rap dos anos 90s, actuando estes como fío condutor que afianza ese imaxinario de voos, viaxes e negocios.
Charlando con Uf Dog sobre “Ufboys Worldwide”
Uf Dog defínese, tal e como el mesmo di, como “unha persoa do mundo que non entende de bandeiras, aínda que me encante reivindicar as miñas orixes galegas” e é que, tras a charla mantida con el, queda claro que a palabra Worldwide incluída no nome do disco xa é unha declaración de intencións do mesmo. “Gústame reivindicar certas cousas, sen caer tampouco en xerar odio, senón buscando un leve vacile que che poida facer reflexionar. Prefíroo antes que poñerme a soltar barbaridades pola boca”, comenta.
Chegando xa ao final da nosa charla, Uf Dog fálanos de todo o imaxinario ao redor do disco, o cal nos axuda quizais a pechar o ciclo do mesmo. “O concepto de Worldwide é unha mestura de sensacións e vivencias ao redor das miñas orixes, a miña familia materna emigrou a Francia e a Alemaña durante a época do franquismo; Se a iso súmaslle toda a historia que rodea a Baiona como vila mariñeira á que chegou a Carabela Pinta co descubrimento do novo mundo, podes facerche unha idea de que me inspirou á hora de escoller o título”.