O PP lamenta que as bandeiras de Baiona non ondeen a media hasta polas vítimas do Covid-19

O Partido Popular de Baiona lamenta que a día 11 de maio o tripartito que goberna o municipio aínda non mostrase o seu respecto e o seu recordo ás vítimas co “simple xesto” de poñer as bandeiras que ondean na fachada do Concello e as do Paseo de Alfonso IX a media hasta. Trátase dun sinal de loito e unha homenaxe ás miles de persoas que durante esta crise sanitaria do Covid-19 non puideron superar a enfermidade.

Para os populares, nesta situación dramática “non debería de haber cor político porque é unha cuestión de ética” e un “consolo ás familias que perderon aos seus seres queridos a causa do virus”. Así, destacan que mentres que o Concello permaneceu impasible, si tiveron este detalle institucións privadas como o Monte Real Club de Yates, que desde o primeiro día de maio decidiu mostrar os seus respectos e lembrar aos falecidos poñendo as súas bandeiras a media hasta.

Desde o PP animan ao alcalde, Carlos Gómez, a sumarse a este loito oficial e a “dar exemplo” como máxima autoridade local e como representante e defensor dos intereses de todos os baioneses. “Máis vale tarde que nunca”, insisten desde o PP.

Apertura do paseo de Monte Boi

Doutra banda, o Partido Popular quere agradecer ao goberno local que tivese en conta a proposta que fixo hai 15 días o grupo municipal popular solicitando a apertura do paseo de Monte Boi para que os viandantes non se visen obrigados a dar a volta, o que provocaba aglomeracións e non garantía a distancia de seguridade recomendada polas autoridades sanitarias entre as persoas.