“Lembrarei sempre ese berro”

Nese mesmo instante, acompañaba a dous das fillas de “Ladio”. Carmen e Ana, quen suxeitaban con forza unha tablet conectada a un dron da Garda Civil que iniciaba o sobrevoo da esperanza na zona. Tal feito, transmitía optimismo nos alí presentes, as fillas moi nerviosas e un axente dándolles ánimo e tranquilidade; mentres ese pequeno aparello (dotado de visor e cámara térmica) empezou a levantar voo. Mirabamos ao ceo seguindo o zumbido das minúsculas e veloces hélices do dron, cando de imprevisto e sen que ninguén contase, un berro de lonxe: “APARECEU”.

Parouse o tempo de raíz, respiramos e todos nos fixemos internamente a mesma pregunta, estará ben?.

Un coche dixo un. Momentos de angustia, nervios, desorientación e sen saber moi ben para onde tirar. Teléfonos a mil, onde está? Sirenas, luces e uniformes de distintas cores cambian as súas coordenadas e recolocan os seus destinos nunha zona. Descoñecemos quen deu a voz de aviso, como chegou a noticia a nós e por quen, mentres a experiencia dime “calma”.

Quen o ten? Onde está? Quen deu o aviso e por onde?

Chamorro o concelleiro dime “teno José”. Que José?, Caride. Chámoo por teléfono, non me colle á primeira e vólvoo a chamar “agora si”. O primeiro que me espeta o tipo é: “queee…, está aquí comigo e está beeen, tranquilos xa está”. Vale, vale, non colgues e vainos guiando, nós estamos en Pegonegro e ti?. “En Tumbio pola outra parte do río…, tranquilos está ben”.

A familia respira, nós respiramos e as miradas entre os voluntarios e Forzas de Seguridade, non é outra que de complicidade e orgullo, non era para menos.

Mentres Caride (como moitos coñecemos a José) seguía ao teléfono en mans libres e indicaba cara a onde dirixirnos. Chegamos ao lugar en minutos, entre “carreiros” só accesibles a pé. Brais, que se adiantou e localizábaos xa, vén buscar e indícanos o camiño, de súpeto, de fronte e de lonxe entre a vexetación vemos a dous homes agarrados falando tranquilamente coma se nada pasase, a cara de Hilario era de sorpresa polo tumulto, para desaparecer entre os abrazos das fillas que o comían a bicos. Nunca esquecerei esa cara de emoción, de perplexidade, de sorpresa…, seguramente debido á escena e incomprensible para el; as súas bágoas espontáneas e o brillo dos seus ollos, foron sen dúbida, a súa maneira máis sincera e humana de dicirnos a todos grazas…

Paco Ferreira – Alcalde de Gondomar

2020-05-09 - 96383733_2537555126507034_5773898301799661568_o
José Quintas Caride, o veciño de Vilaza que atopou a Hilario, xunto co alcalde, Paco Ferreira.