Sanxenxo propón dividir a praia de Silgar en cuadrículas

Sanxenxo leva semanas traballando nun sistema que permita a veciños e visitantes gozar dunha praia tan fermosa e concorrida como é Silgar, pero garantindo a máxima seguridade sanitaria e respectando as distancias que recomendan os expertos sanitarios. A solución que se propón consiste en dividir a praia en 5 sectores que contarán con persoal para facilitar aos usuarios a súa localización, mantendo en todo momento os protocolos de seguridade sanitaria.

Cada sector terá unha cor diferente e estará formado por centos de cuadrículas de 3×3 metros, que en función do número de persoas poderanse ampliar facilmente mediante a agregación de 2, 3 ou 4. As cuadrículas estarán formadas por estacas de madeira cravadas na area e unidas por unhas cordas que se poderán recolocar con facilidade en función do número de persoas.

A nova ordenación da praia reserva 2 franxas lonxitudinais para albergar usos e servizos:

• Unha franxa entre o mar e a primeira liña de cuadrículas que será unha zona de paseo e xogos para nenos. Terá un mínimo de 7 metros de ancho na pleamar, superando os 30 metros coa marea baixa.

• Na zona traseira, entre a última liña de cuadrículas e o muro do Paseo de Silgar, se reserva unha franxa de 8 metros para distintos servizos como baños, módulo de salvamento e zona recreativa.

• A praia dispoñerá de 4 accesos perpendiculares de 6 metros de ancho que irán desde o muro ata a primeira liña de praia. Cada dúas liñas de cuadrículas haberá corredores paralelos de 3 metros de ancho para facilitar a entrada e saída dos bañistas. Cada cuadrícula sepárase das contiguas por un espazo de 1,5 metros polo que en ningún caso poderase transitar.

2020-05-06 - FOTO_PLAN_CONTROL_SEGURIDAD_DE_SILGAR

Capacidade por cuadrículas

As recomendacións sanitarias fixan un espazo de seguridade de 4 metros cadrados por persoa, que en Silgar supérase oscilando entre os 4,5 e os 5 metros por persoa. Todas as cuadrículas son de 9 m2, pero por cada unha que se agregue gáñanse 4,5 m2 a maiores que corresponde ao espazo de seguridade que as separa.

• 1 cuadrícula (9 m2) 2 persoas
• 2 cuadrículas (22,5 m2) 5 persoas
• 3 cuadriculas (36 m2) 8 persoas
• 4 cuadrículas (49,5 m2) 12 persoas

En total a praia de Silgar terá 780 cuadrículas o que supón un aforo que pode oscilar entre as 1.560 e as 2.340 persoas, o que significa entre un 50 e un 75% do aforo respecto a veráns anteriores. En resumo, Sanxenxo quere facer todo o que estea na súa man para ofrecer as maiores garantías de seguridade e hixiene aos seus visitantes. “Traballamos para que sentan tan seguros e tan ben atendidos como nas súas casas”, asegura o alcalde, Telmo Martín.

Podería esta idea trasladarse aos municipios costeiros do Val Miñor, Baiona e Nigrán?.

🎥 VIDEO: Plan de adaptación e seguridade da praia de Silgar en Sanxenxo.

Publicado por Valmiñortv.com – O diario dixital de Baiona, Gondomar e Nigrán en Miércoles, 6 de mayo de 2020