Ofrecen 1.000 € por información sobre o aforcamento dun gato en Baiona

A misión permanente en Galicia da Fundación Franz Weber puxo ao dispor de calquera cidadán ou cidadá unha recompensa de 1.000 euros para quen achegue datos fidedignos que posibiliten a identificación completa do individuo que aforcou un gato nas últimas horas na parroquia de Baíña, na zona de Fontes, no termo municipal de Baiona.

As duras imaxes divulgadas pola protectora local Bai.Senpulgas mostran ao animal parcialmente empapado e colgado dun dos extremos dun contedor de lixo, evidenciando o profundo desprezo da persoa que cometeu este acto de crueldade contra un ser vivo indefenso.

FFW sinalou que o caso supón a comisión dun delito agravado de malos tratos animais, ao resultar morto o felino, enfrontándose a unha pena de ata 18 meses de prisión e unha inhabilitación especial “de dous a catro anos para o exercicio de profesión, oficio ou comercio que teña relación cos animais e para a tenencia de animais”, ademais da profunda repulsa social que xeran este tipo de sucesos de violencia.

Neste sentido tamén estaría habilitada a vía administrativa, como alternativa, podendo existir unha sanción de ata 30.000 € por unha infracción moi grave, ao constituír tamén malos tratos con resultado de morte e a posibilidade de ser inhabilitado por un máximo de dez anos.

A ONG mostrou a súa preocupación polo uso do período de corentena para cometer un acto de crueldade tan extremo, o que evidencia que existía unha clara intencionalidade por causar o maior dano ao animal e evitar as miradas de veciños ou posibles testemuñas. Por iso a recompensa tratará de incentivar información de potenciais persoas que puidesen ver a algún suxeito ao redor dos contedores nalgunha actitude sospeitosa, ou que escoitasen o sufrimento do felino.

Este suceso súmase a outros contextos de crueldade animal, como o gato Olaf, queimado vivo en marzo de 2018 ou a cadela de raza mastín envelenada e atada a principios de 2019, polo que parecen existir elementos perigosos no termo municipal, subliñan os animalistas.

A Fundación indica que calquera información pode remitirse á Policía Local de Baiona, encargada de instruír as dilixencias do asunto e de remitilas ao Xulgado de Garda ou á Consellería de Medio Ambiente.