Facenda xa devolveu 129 millóns de euros da Renda en Galicia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, informou hoxe da devolución de 129,035 millóns de euros da Renda na Comunidade. Supón o abono de 203.717 declaracións, coa resolución dun 76,1% do total das presentadas que solicitan devolución.

A Axencia Tributaria, no marco da Campaña de Renda 2019, devolveu durante este primeiro mes un 29,65% máis que na mesma data do ano pasado, cando a cantidade rozaba os 100 millóns de euros. Por ese motivo, Javier Losada felicitou ao organismo fiscal pola súa eficacia e axilidade nun momento en que é fundamental que chegue liquidez á sociedade.

O delegado do Goberno subliñou que o Executivo busca que aumente a liquidez para estimular o consumo durante a recuperación da nova normalidade, o momento da reactivación da economía.

Javier Losada lembrou que “o Goberno traballa en todas as frontes para non deixar a ninguén atrás”, en referencia aos rescates sanitario, económico e social. Pois xunto ás medidas no ámbito fiscal, están desenvoltas outras en todos os sectores, orientadas a lograr a mellor saída posible da pandemia do COVID-19.