Javier Losada constata o excelente comportamento da poboación galega no inicio da fase 0

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, constatou hoxe o excelente comportamento da poboación galega no inicio da fase 0 da desescalada. Fíxoo tras a primeira fin de semana en que se permitiu pasear e facer deporte a toda a poboación e no primeiro día de reapertura do pequeno comercio.

Tras contactar coas persoas ao mando da Policía Nacional, a Garda Civil e numerosas policías locais a través das subdelegacións, Javier Losada subliñou que durante a fin de semana o cumprimento da nova normativa foi moi alto. De feito, as forzas de seguridade centraron o seu labor na actividade informativa para aclarar as horas de saída a cada colectivo e as condicións dos paseos ou o deporte.

Hoxe, coa reapertura do pequeno comercio, as forzas de seguridade explicaron ao delegado do Goberno que continúan respectándose as normas. Grazas á gran conciencia cívica da poboación galega, a actividade volve ser eminentemente informativa, ademais da de repartición de máscaras que empezou esta mañá, con 835.500 destinadas a Galicia.

Javier Losada destacou que tanto o dado o sábado como o de hoxe son “un paso moi prudente e moi cauteloso cara á nova normalidade”, dentro dun proceso “moi complexo”, pero que demostrou que ten uns “mecanismos moi eficaces”.

Por ese motivo apelou a continuar coa dinámica actual, con conciencia social e cumprimento das normas, para evitar un paso atrás e asegurarse de seguir cara á nova normalidade. “Mellor non facer experimentos”, dixo. Nese sentido, lembrou que “cando se trata de defender o dereito á saúde e á vida, non hai ningunha alternativa”, polo que é fundamental continuar co plan para poñer fin á pandemia do COVID-19.