“Imos traballar todos, porque este verán non podemos permitirnos dalo por perdido”

A Xunta Directiva de ACEBA reuniuse con Carlos de la Peña e Iago Pereira, Tenentes de Alcalde do Concello de Baiona e concelleiros de Facenda, Organización e Recursos Humanos e Medio Rural e Participación Cidadá, respectivamente. ACEBA continúa co seu intenso programa de reunións cos distintos axentes sociais e responsables políticos, buscando a posta en marcha de medidas inmediatas e estratéxicas que permitan a pronta volta á normalidade da actividade dos negocios da Vila, dunha maneira consistente, sostible e segura.

O calendario de fases de desconfinamento que propón o Goberno de España a nivel nacional matizouse con ambos os dous responsables políticos tendo en conta as peculiaridades, e sobre todo as oportunidades, que presenta Baiona nestas circunstancias. Falouse das posibilidades que ten a declaración de Centro Comercial Aberto que ten Baiona á hora de desenvolver iniciativas puntuais e medidas concretas de autoxestión dos espazos públicos. “A condición de CCA é unha interesantísima vantaxe competitiva da nosa vila con respecto a outros concellos turísticos da provincia”, destacan desde ACEBA.

Sobre as posibilidades que ofrece o Centro histórico de Baiona puxéronse sobre a mesa as posibilidades de aproveitamento das rúas máis anchas e as prazas que non se atopen ocupadas por terrazas actualmente, ademais de zonas como A Palma e Santa Liberata, para aproveitalas como terrazas comúns, con protocolos de desinfección e uso que as converterían en espazos de lecer únicos e seguros para o goce de residentes e visitantes. Desta maneira os establecementos de hostalería poderían compensar as restricións de aforo compartindo espazos exteriores, dinamizando a actividade comercial ao favorecer un fluxo de visitantes. “Dalgunha maneira búscase aplicar os criterios de optimización, xestión e aproveitamento que teñen os Centros Comerciais Convencionais aos espazos abertos de Baiona, reforzando a seguridade ao máximo nivel”, indican.

Para os empresarios, converter Baiona no espazo de lecer máis seguro permitirá que os veciños e veciñas poidan gozar preto de casa e ademais atraer a visitantes. “A promoción de Baiona como destino seguro foi outro dos temas que se tratou, a proposta de Carlos de la Peña, considerando que esta condición é un argumento diferencial para campañas de promoción nacionais ou no ámbito de Rías Baixas coa colaboración da Deputación”.

Iago Pereira e Roberto Valverde puxeron de manifesto o valor da contorna natural e paisaxística de Baiona, que nunha situación como a actual, é outro dos grandísimos potenciais de atracción de visitantes, por ser espazos abertos facilmente desfrutables con seguridade. A idea de aproveitar, con tesón e imaxinación, todas as posibilidades que ten Baiona no curto prazo, buscando a supervivencia dos negocios e a conservación dos postos de traballo, subxace en todas as propostas que se puxeron sobre a mesa e nas liñas de traballo que se abriron.

Moitas das medidas propostas, como pode ser a implantación de terrazas comúns, serían provisionais e de aplicación na excepcional situación do estado de alarma. Outras, como o valor da contorna natural e as posibilidades turísticas das parroquias, abren liñas que deberán analizarse en profundidade e tratar de mantelas no tempo.

“Imos traballar todos, porque este verán non podemos permitirnos dalo por perdido”, foi a mensaxe que podería recoller o espírito de todos os presentes.

Desde ACEBA queren agradecer as achegas e o talante dos dous mandatarios políticos presentes na reunión. “Somos conscientes que son momentos difíciles para todos, especialmente para moitas familias e negocios, que nunha poboación turística como a nosa necesitan unha mínima luz á que aferrarse, e unha gran parte desa luz achégaa a unión de todos. Son necesariamente momentos de sumar, de ambicionar, de crer que se pode”.

“Como Xunta Directiva tamén nos gustaría deixar claro que o noso traballo é conxunto, e que as opinións, reflexións e propostas que emitimos como colectivo, representado polo noso presidente Marcos Comesaña, están apoiadas por todos os membros que a formamos. A pluralidade de ideas, sensibilidades políticas ou sectores que representa cada membro que compón a Xunta Directiva é o que dá verdadeiro valor ás decisións ou propostas que desde ACEBA preséntanse”, conclúen os empresarios.