Podemos Baiona propón seis medidas urxentes de carácter social e económico ante a crise do Covid-19

Dende o equipo que conforma o Grupo Político de Podemos en Baiona queren informar á veciñanza que durante o período de confinamento seguen traballando dende a casa, valorando semanalmente a situación de desescalado gradual organizada polos gobernos central e autonómico. Acordaron propoñer ao equipo de goberno municipal as seguintes necesidades e medidas que consideran deberíanse aplicar no municipio nas próximas semanas e meses, sempre tendo en conta as indicacións do Goberno central mentres se manteña o actual estado de alarma.

PRIMEIRO. Que, con carácter de urxencia, se implemente un programa extraordinario de axuda social primaria para as familias en risco de exclusión, reforzando o persoal actual de Servizos Sociais e aumentando a partida orzamentaria actual mediante transferencias de crédito puntuais e oportunas que cheguen do Estado ou da Xunta de Galicia. Esta liña de axudas utilizarase, entre outras cousas, para o pago de recibos de auga, electricidade, alimentos, aluguer e aveños básicos.

SEGUNDO. Traballar no deseño dun Programa de Dinamización do Pequeno Comercio e de proximidade mediante:

A. Creación dunha web para a venda e distribución dos seus produtos, fomentando ademais a formación de emprego, seguindo o modelo xa posto en marcha noutros concellos, coma Gondomar.

B. Posta en marcha de campañas promocionais, celebración de feiras gastronómicas, actividades artísticas e culturais, relatorios, xornadas e outras para a dinamización do sector de forma inmediata.

C. Realización dos trámites necesarios para aplicar adiamentos, bonificacións ou exencións en alugueiros públicos, impostos, taxas e prezos públicos ás persoas desempregadas e os pequenos e medianos establecementos que pechen durante a crise do coronavirus, así como a exención do pago de taxas dos postos de venda do Mercado de Sabarís. Os adiamentos, bonificacións e exencións tributarias a PEMES condicionaranse á adopción de medidas de protección das traballadoras e traballadores.

TERCEIRO. Creación dun Programa de Emprego Municipal, enfocado aos colectivos máis vulnerables e con perspectiva de xénero: oferta de locais de coworking, axudas á contratación e liña de axudas económicas aos pequenos e medianos establecementos.

CUARTO. Que, para compensar a perda de ingresos, introdúzanse medidas como;

A. Aplicar a Taxa por aproveitamento especial do dominio público local das instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos.

B. Iniciar o cobro do Imposto de Bens Inmobles (IBI) ás propiedades da Igrexa que non estean destinadas ao culto.

C. Para realizar as transferencias de crédito a estas medidas de protección social e económica, minoraranse os créditos de áreas e programas de gasto que non sexan de primeira necesidade (festexos, publicidade institucional, gastos de representación, etcétera).

QUINTO. Agora máis que nunca, posta en valor do papel fundamental das persoas produtoras e o pequeno comercio en alimentarnos e soster os nosos agroecosistemas, e polo tanto de consumir produtos o máis locais e frescos posible, así como a seguridade alimentaria dos mercados non sedentarios de proximidade e outras vías de venda directa. Mediante campañas publicitarias gratuítas a cargo das arcas municipais.

SEXTO. Que se reforce a atención e asistencia ás persoas en risco de exclusión ou en situación de soidade. Habilitarase unha liña municipal de asistencia e atención psicolóxica telefónica en colaboración con organizacións sociais do municipio, impulsando unha Rede de Voluntariado desde o Concello.

Desde Podemos Baiona lembran tamén que esta semana as máscaras feitas polo Grupo de Apoio Val Miñor (no que participan) xa están sendo distribuídas, despois de esperar o proceso de esterilización das mesmas polo Concello de Baiona, permitindo deste xeito o seu uso con todas as garantías. A distribución (na que tamén colaboran) como grupo de voluntarios conxuntamente coa Concellería de Servizos Sociais e Protección Civil, comezou este luns 27 de Abril polas distintas parroquias do concello segundo o censo municipal, comezando o reparto polas persoas en risco, en situación de vulnerabilidade e as persoas maiores de 65 anos.

Finalmente, queren reiterar o seu agradecemento a todos e cada un dos voluntarios e voluntarias que están a colaborar de diferentes xeitos, aportando o seu gran de area para o beneficio da comarca en xeral. Tamén (por suposto) aos profesionais sanitarios, forzas de seguridade, servizos e institucións, a todos eles e elas moitas grazas polo seu traballo nesta difícil situación que atravesamos. “Moito ánimo a todas e todos, sigamos baixando o número e o % de contaxios, sendo responsables das nosas accións diarias”, conclúen.