Os menores de 14 anos poderán dar paseos dunha hora ao día acompañados dun adulto

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, explicou que os menores de 14 anos poderán dar paseos controlados, acompañados dun adulto durante unha hora ao día, entre as nove da mañá e as nove da noite, a unha distancia dun quilómetro ao redor do seu domicilio e sen acceder a zonas de randeeiras e instalacións deportivas.

O ministro de Sanidade, que compareceu na Comisión de Sanidade e Consumo do Congreso, sinalou que aprobará unha Orde para que desde o vindeiro domingo 26 de abril esta medida de alivio do confinamento sexa posible.

“Estas saídas controladas teñen múltiples efectos beneficiosos para os menores, tanto a nivel físico, como emocional; especialmente para aqueles que viven en fogares máis vulnerables, porque non en todos os fogares teñen as mesmas condicións nin todos os estilos de vida son iguais. Por tanto, esta medida é tamén unha medida de equidade”, subliñou Illa.