Como abrir un negocio en plena pandemia

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Martín Otero no novo Kiosko Sabarís.

Non é fácil ser un emprendedor en estado de alarma, con todo Martín Otero Clemente, veciño de Sabarís e presidente da Asociación de Veciños Castro e Ladeira, acaba de abrir o seu novo negocio en plena corentena. Unha “fazaña” que o sitúa como o único miñorano capaz de iniciar unha nova actividade neste contexto aínda que é preciso matizar que este feito ten un pequeno truco. Clemente ata hai poucos días rexentaba un pequeno quiosco de madeira de venda de prensa e revistas na Praza Victoria Cadaval ademais doutro en Ramallosa, que aínda mantén, pero os seis metros cadrados de espazo útil do que dispoñía de xeito evidente estábanselle quedando pequenos. “Levaba tempo con ganas de ampliar o abanico de produtos pero desta maneira era imposible”, aclarou.

A súa idea non é nova senón que leva traballándoa desde o pasado mes de xaneiro, poucos días despois concretou a entrada no novo local a escasos metros do anterior co seu propietario e fixaron a data de inicio para o 1 de abril. A Clemente nin a corentena, nin o estado de alarma, nin o propio coronavirus foron capaces de amedrentalo. Tal e como tiña fixada na súa carta de ruta seguiu fiel aos seus plans e nestes momentos o seu novo establecemento, dez veces máis grande que o quiosco, xa é unha realidade ao estar permitida a súa actividade profesional. A pesar de todo polo momento dedícase á prensa e revistas aínda que en canto prodúzase o levantamento incorporará a venda de lambetadas a granel, lembranzas e agasallos variados. “Sabemos que este ano vai ser raro pero tanto a miña muller como eu estamos convencidos de que o noso proxecto sairá adiante”, finalizou.