Sin categoría

Movistar pon en marcha en Galicia un servizo especial de atención telefónica para os maiores

Máis de 5.900 galegos de máis de 65 anos utilizaron, entre o 2 e o 15 de abril pasados, o servizo de atención a maiores posto en marcha por Movistar para facilitarlles todos os trámites que teñan que facer a través dos teléfonos de información (1004) e avarías (1002).

Este servizo prioriza a atención personalizada e reduce ao máximo as locucións, de maneira que alén do teléfono os maiores atopen teleoperadores dispostos a guiarlles con paciencia no proceso de información ou de resolución das avarías. É o maior nivel de prioridade e de personalización na atención posto en marcha ata o de agora pola Compañía, superior mesmo ao servizo Priority do que dispoñen os mellores clientes. Actívase cando, ao chamar ao 1004, aparece a seguinte locución: “Debido á situación extraordinaria provocada polo Covid-19, os nosos tempos de atención poden verse afectados. O noso compromiso social é garantir as comunicacións dos nosos clientes, pero especialmente as daqueles en situación de risco como son as persoas maiores. Se es maior de 65 anos e necesitas atención urxente, por favor, di si e priorizaremos a túa chamada. Grazas pola túa comprensión”. O servizo actívase tamén cando se di que o motivo é unha avaría, enlazando nese caso directamente, sen pasos intermedios, cun axente do 1002.

Ademais das vantaxes sinaladas, os maiores teñen á súa disposición a un experto tecnolóxico que lles axuda coa configuración da súa wifi, computador, smartphone, videoconsola ou smart TV. Se finalmente non se consegue arranxar a avaría, esta é priorizada para que sexa reparada no menor tempo posible tanto de forma remota como presencialmente. O sistema ocúpase tamén de centralizar a xestión e evitar que os maiores teñan que contar o seu problema a máis dun axente.

O nivel de prioridade fai que en Galicia estea a atenderse a máis do 90% das chamadas recibidas, que na súa inmensa maioría teñen que ver con incidencias de voz, TV e conectividade. No conxunto de España, e só no 1002, atendéronse unhas 40.000 chamadas, o que significa un 16% do total.