O PP de Baiona propoñerá ao goberno local a través dunha moción para debater no pleno ordinario de mañá que subvencione o custo do curso oficial de socorrismo aos mozos do municipio que se atopen realizándoo neste momento no concello veciño de Nigrán. O goberno local deste municipio aprobou hai unhas semanas asumir o prezo do formativo dos tres alumnos residentes neste municipio. En total son 10 as persoas asistentes a este curso, seis delas de Baiona. Estes mozos tiveron que pagar dos seus petos os 1.400 euros que custa sacarse a titulación oficial, mentres que os seus compañeiros de Nigrán farano gratuitamente porque este custo subvenciónao o Concello.
Para os populares de Baiona, sería de xustiza dar as mesmas oportunidades aos veciños do municipio, tanto na posibilidade de que se saquen unha titulación oficial para o fomento do emprego como tamén que o fagan nas mesmas condicións económicas que os seus compañeiros. Os concelleiros do PP baionés consideran que “non pode haber cidadáns de primeira e cidadáns de segunda”, dependendo do lugar no que residan.
Atopar socorristas titulados para os areais durante o verán foi e segue sendo un problema importante para as autoridades locais, precisamente pola carencia destes profesionais con formación oficial. A escaseza chegou ata o punto de que nalgunha ocasión tívose que recorrer a socorristas doutras comunidades e, mesmo, de Portugal.
O PP está convencido de que iniciativas deste tipo permitirán aumentar o número de socorristas e, por tanto, aliviará esta falta de profesionais da seguridade dos bañistas nas praias.

