Doan ao Concello de Nigrán 350 máscaras, 50 pantallas e 50 abreportas

O Concello de Nigrán recibiu a doazón de 250 máscaras hixiénicas doadas pola firma de moda viguesa “Chill&Buy” e que foron confeccionadas artesanalmente por María Victoria Domínguez con teas coa estampa de Frida Kahlo. Estas máscaras están a ser distribuídas polo Concello entre persoal de supermercados de Nigrán ou de residencias de anciáns e colectivos que precisen o seu uso na súa incorporación ao traballo.

Igualmente, o Concello recibiu a doazón de 100 máscaras homologadas por parte de Abanca e 50 pantallas hixiénicas e 50 abreportas “Lu-Touch” de parte da empresa Akwel Spain SLU (estas dúas últimas achegas foron entregadas por parte dun dos seus traballadores nigraneses). “Lu-Touch” é un útil de apertura e peche de portas e xanelas que permite tamén actuar como pulsador de botóns e interruptores, de forma que se evita o contacto directo con superficies e limítanse os riscos de contaxio. Este dispositivo, presentado o luns oficialmente, é unha iniciativa solidaria da Universidade de Vigo, Asime e as empresas Lupeon, Davitic (ambas de Nigrán) Roviño5 e Akwel Automotive. Os primeiros “Lu-Touch” foron entregados polo alcalde ao GES do Val Miñor, xunto con pantallas, máscaras e outros materiais, tamén se lle entregará a taxistas e outros colectivos.

2020-04-15 - Mascarillas_Frida3

O Concello recibiu desde o inicio da pandemia multitude de doazóns de medios protectores por parte de particulares ou empresas, todo o foi entregando nos sectores que máis urxentemente o precisaban ao estares esgotados no mercado (como as máscaras para as traballadoras do servizo de axuda a domicilio ou residencias). Mercerías como a gondomareña “O Rincón de Elo” e o grupo “YoMePongoACoser”, composto por 16 persoas e a Mercería Barrosiña e Organza Producciones, tamén teñen facilitado ao Concello máscaras confeccionadas artesanalmente e de xeito altruísta.

A maiores, o Concello fornece desde inicios da crise de materiais para que dous particulares solidarios fagan pantallas coas súas impresoras 3D, así, dúas persoas de Nigrán (Camos) e de Gondomar están a traballar na realización destes accesorios que o Concello se encarga de achegar aos centros de saúde, Hospital Álvaro Cunqueiro ou residencias.

“As mostras de solidariedade son infinitas e sería imposible nomear a todas as persoas e empresas. Estamos moi orgullosos do comportamento do tecido social e empresarial de Nigrán nesta grave crise sanitaria”, subliña o alcalde, Juan González.