A Garda Civil intensificou durante esta Semana Santa os controis na estrada para evitar desprazamentos inxustificados, especialmente a segundas residencias. Os puntos de verificación efectuáronse nos accesos aos principais núcleos turísticos da provincia e nas grandes arterias de comunicación coa meseta e o norte de Portugal.
As patrullas da Agrupación de Tráfico da Garda Civil compatibilizaron o control das medidas de limitación da liberdade de circulación de persoas impostas polo confinamento do Covid-19, coa vixilancia das infraccións á normativa de tráfico e seguridade viaria.
Neste sentido, cabe destacar que se detectaron a dúas persoas conducindo os seus vehículos sen autorización administrativa e a outra que arroxou resultado positivo na proba de alcoholemia tras ser interceptado cando incumpría o confinamento.
No primeiro caso, ás 16:30 horas do sábado 11, unha patrulla de motoristas do Destacamento de tráfico de Lalín, sorprendeu a un home de 32 anos mentres conducía, sen obter nunca permiso de condución, pola EP-7020 no termo municipal da Estrada.
Unha hora e media despois, no mesmo termo municipal e concretamente no quilómetro 18 da PO-841, outra patrulla da mesma unidade, interceptou a un mozo de 30 anos, veciño da localidade de Lalín conducindo co seu permiso sen vixencia pola perda total dos puntos asignados por distintas infraccións administrativas previas.
En ambos os dous supostos, ademais de efectuarse as oportunas denuncias polo incumprimento do confinamento, procedeuse á súa investigación por senllos delitos contra a seguridade viaria. As dilixencias foron entregadas de forma telemática no Xulgado de Garda de Lalín.
Dentro da mesma orde de actuacións, o pasado domingo, sobre as 18:45 horas, interceptouse a un condutor que presentaba síntomas de consumir bebidas alcohólicas, nun control conxunto que se realizou co Grupo Rural de Seguridade na A-52, no termo municipal da Cañiza.
Ademais de dar positivo nas probas de alcoholemia, este condutor foi denunciado tamén por circular coa ITV caducada e incumprir as normas do confinamento do Covid-19.

