O CPA Gondomar sobe ao alto do podio no I Trofeo Show Salvaterra Milenaria

Este sábado tivo lugar o I Trofeo Show Salvaterra Milenaria, celebrado no Pavillón Cándido Carreira Estévez, en Salvaterra do Miño, cunha asistencia de máis de 1000 persoas que gozaron dun espectáculo de patinaxe artística de alto nivel que constaba de 32 grupos participantes en 6 modalidades: grupo promocional grande, grupos xuvenís, cuartetos, grupos grandes, grupo promocional pequeno e grupos pequenos.

Saíndo a pista en último lugar o Club de Patinaxe Artística Gondomar, co seu “Expediente Alice”, na categoría de grupos pequenos, un magnífico show que non deixou indiferente ao público, que ovacionou cun gran aplauso a impoñente actuación. A súa posta en escena mostrou unha gran técnica e dificultade como é frecuente xa nas gondomareñas, o que se reflectiu na puntuación, a máis alta do trofeo.

As patinadoras do adestrador David Figueroa diferenciáronse pola súa forza e velocidade, horas de duro e continuo adestramento que se mostraron subindo ao alto do podio unha vez máis.