A Brilat desinfecta hoxe tres residencias de maiores de Nigrán

A compañía NBQ do Batallón do Cuartel Xeral VII da Brilat continúa hoxe as súas tarefas de desinfección en residencias de maiores no marco da Operación “Balmis”. Concretamente este martes farano nas residencias Stella Maris, A Fortaleza e Bo Día en Nigrán, Hogar O Lecer Senior Care, Novo Lareira Puga e Vigo II, en Vigo, ademais da residencia Remanso na Coruña.

Tras ser declarado o estado de alerta segundo Real Decreto 463/2020 para facer fronte ao COVID-19, comezou a Operación “Balmis”, pola cal se despregan máis de 2500 efectivos do Exército de Terra, Armada, Exército do Aire, Unidade Militar de Emerxencia e Garda real.

A Brilat, como o resto de unidades do Exército, despregou persoal das súas tres Bases (Pontevedra, Asturias e Valladolid), ata o momento, un total de 1700 efectivos en diversas localidades, como son Vigo, Pontevedra, Valladolid, Avilés, Oviedo, Plasencia, etc, co obxectivo de recoñecer as zonas máis conflitivas, infraestruturas críticas e establecer unha ligazón sólida e eficaz con autoridades para facilitar os labores de presenza e vixilancia de incumprimentos das medidas establecidas polo Estado de Alarma.

Todas as actuacións e esforzos dos membros da Brigada Galicia VII realízanse no marco da Operación que coordina o Mando de Operacións para loitar contra a pandemia e encamiñadas a tentar reducir o ritmo de contaxios e salvagardar desta maneira, o benestar e a seguridade cidadá e así reducir o tempo de confinamento.