Anuncios
Ticker de novas

Máis de 2.000 persoas celebraron xunto a Prado Surf Escola o seu 20º aniversario

O pasado venres 17 de agosto a praia de Patos encheuse de surfeiros, familiares e amigos, a festa XX aniversario de Prado Surf Escola conseguiu reunir a participantes de 4 anos e a vellas glorias do surf galego, porque o amor ao mar e a este deporte non entenden de idades.

O actor Álex González anunciaba en redes que o venres ía ser un día para non perderse e así foi. Desde as 10 da mañá ata ben entrada a medianoite a escola Prado Surf converteuse nun festival no que nenos e maiores corrían da praia á escola e viceversa, nese traxín de xente, nervios, reencontros entre vellos amigos e familiares a palabra que máis se repetía era ilusión. E é que o que había era moitas ganas de surfear e de pasarllo ben, porque iso é precisamente o que Prado Surf promove xa desde hai 20 anos, difundir a paixón polo surf entre os máis novos, pero sobre todo fomentar o compañeirismo e o respecto pola natureza.

Ás 10 da mañá os primeiros participantes estaban xa rexistrándose para competir e case ao mesmo tempo pais, nais, nenos e curiosos gozaban dunha clase de iniciación ao ioga na praia. Durante toda a mañá mozas e mozos entraban da auga tentando coller as mellores ondas. Máis da metade dos participantes eran mulleres, algo que se repite dentro das catro escolas de Prado Surf nas que o 60% do alumnado son mozas.

A competición só se viu interrompida pola sesión vermú con música do grupo nigranés Blue Monk, que con ritmos nostálxicos do rock & roll máis auténtico arrancou a máis dun á pista de baile. Unha exposición de fotos á entrada da escola mostraba a traxectoria dun proxecto que naceu en 1998 e conseguiu ao longo destes vinte anos facer do surf un deporte para todos os públicos e crear nunha gran familia.

O campionato de “3 xeracións” reuniu ás vellas glorias da escola e a exhibición de monitores contou coa participación dos profesores da escola de Bastiagueiro (A Coruña), un derbi clásico que terminou coa vitoria dos coruñeses. A entrega de premios contou coa presenza do alcalde de Nigrán e foi a proba de que aquí o que importa é participar, xa que a pesar do atraso, o público aguantou entre risas e aplausos a que todos os participantes recollesen o seu diploma e premios.

A festa alongouse ata medianoite coa actuación Lucía Peñamaría e Dj Gus-G que desde o segundo piso do autobús convertido en foodtruck conseguiu que todos os asistentes non deixaran de bailar. Os fogos artificiais puxeron o broche final a un día no que máis de 2000 persoas gozaron duns deses días de verán que quedan gravados na memoria para sempre.

Anuncios