A Garda Civil sorprende a un mozo circulando en tres ocasións sen causa xustificada

A Garda Civil investiga penalmente a un veciño de Pontevedra por un suposto delito contra a orde pública ao non respectar de forma reiterada as medidas de limitación da liberdade de circulación de persoas establecidas polo Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo Covid-19.

Os feitos sucederon á altura do quilómetro 0,800 da estrada PO-10, no termo municipal de Pontevedra, cando unha patrulla de motoristas da Agrupación de Tráfico da Garda Civil sorprende a un home, veciño de Pontevedra, de 26 anos, circulando nunha furgoneta da súa propiedade sen causa xustificada. Esta persoa xa fora denunciada previamente por non respectar o confinamento obrigatorio noutras dúas ocasións. Ante a reincidencia do condutor notificóuselle a súa condición de investigado como suposto autor dun delito contra a Orde Pública, polo que se instruíron as oportunas dilixencias e foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Pontevedra.

Durante a pasada fin de semana, a Garda Civil apreciou unha considerable redución do tráfico rodado a través dos numerosos controis que se efectuaron en autoestradas, autovías e estradas convencionais, nos que se puido apreciar un respecto xeneralizado das medidas acordadas polas autoridades gubernativas para a xestión da crise sanitaria. Neste sentido, os controis continúan coa mesma intensidade durante toda a Semana Santa.

A Garda Civil lembra a prohibición de realizar desprazamentos non autorizados e insta os condutores a ter a man documentación que xustifique a causa da viaxe, así como documentación persoal que poderán mostrarse a través do parabrisas dianteiro para facilitar o labor aos axentes e minimizar riscos de contaxio.

Anuncios