Intensifícanse os controis en Semana Santa para quen pretenda irse a unha segunda residencia

A Policía Nacional, comezou hoxe o reforzo con controis selectivos, dos accesos e saídas de Vigo e Redondela, para frear os desprazamentos a outras localidades onde poidan ter os cidadáns residentes destas dúas cidades segundas residencias.

Está encadrado no marco do dispositivo especial de prevención e vixilancia do cumprimento das medidas acordadas no RD do Estado de Alarma.

Preténdese evitar a errónea sensación de impunidade por parte dalgúns cidadáns ante as normas de confinamento instauradas especialmente para estes festivos, entendendo que canto máis se tarde en recuperar a saúde, máis complexo será o rexurdimento económico, por iso todos os esforzos van encamiñados aos poucos que non queren cumprir a norma.

Refórzase o control de movementos de persoas e vehículos, a limitación de circulación ou permanencia de persoas ou vehículos en horas e lugares determinados, controis en fronteiras interiores terrestres, tanto en horarios diúrnos como nocturnos.

Todas as medidas están contempladas no Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma, sobre «limitación da liberdade de circulación de persoas».

Lembrar que nos vehículos particulares só poderá ir a persoa que conduce, salvo aqueles casos que por razóns de idade, por tratarse de persoas con discapacidade física ou intelectual, especialmente vulnerables, ou nalgunha outra circunstancia que a normal permite, poderán acompañar ao condutor, pero deberán de encargarse de que exista a máxima distancia entre eles.

Anuncios